Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente de Cervo matiza a participación do obradoiro de emprego na limpeza de viales

NOTA DE PRENSA

AS CRÍTICAS DOS SOCIALISTAS SO INTENTAN AGOCHAR O SEU MALESTAR CONTRA O GRUPO DE GOBERNO POR TER LOGRADO PARA O CONCELLO UN OBRADOIRO DE EMPREGO

* Os responsables locais aseguran que as recentes manifestacións da concelleira Lara Méndez e dos seus compañeiros de partido denotan a impotencia e incapacidade para facerse cargo de labores da súa competencia

Cervo, 25 de setembro de 2010.- A concelleira de Medio Ambiente de Cervo, Pilar Armada, saíu ao paso das criticas  socialistas nas que acusaban ao  Concello de realizar labores de limpeza nos viales provinciais do termino municipal cos alumnos do módulo de xardinería do Obradoiro de Emprego “Terras de Azul Cobalto”.

Para a voceira municipal, as manifestacións dos socialistas denotan “a impotencia e incapacidade” dos responsables socialistas na Deputación para facerse cargo de labores da súa competencia.  Armada recalcou que o Concello vese na obriga de asumir esta labor “pola inacción e absoluta inoperatividade” dos compañeiros de partido dos socialistas cervenses na Deputación “e dos que forma parte importante a súa propia voceira”. Asegurou tamén que coas súas declaracións o PSOE local deixa en evidencia “a irresponsabilidade e vagancia” do ente provincial cando afirman que a Deputación xa abordou os traballos de mantemento da infraestrutura viaria do municipio a través da empresa concesionaria deste servizo.

“¿Entón, se eles mesmos din que a Deputación acaba de facer os traballos de limpeza das súas carreteiras no noso concello, como é que temos que ir nos a limpalas de novo? Isto so se pode explicar porque eles non se preocupan de facer ben o seu traballo e dálles igual como queden as estradas” recalcou Armada, quen asegurou tamén que “so faltaría que tivésemos á espera de responsables socialistas da Deputación para facer estes traballos, porque entón chegaríamos a estar nunha selva”.

Para a responsable de Medio Ambiente cervense as estradas do concello están en mal estado “e hai que actuar, e botarlle a culpa á empresa adxudicataria dos traballos non é a solución”.

DOENTES E RESENTIDOS

En opinión de Armada, o que lles ocorre aos socialistas “e en especial a algunha concelleira con cargo na Deputación” é que “están doentes, resentidos e con un certo malestar contra do equipo de Goberno local por ter conseguido materializar políticas de emprego que buscan dar saída e futuro laboral a un bo numero de desempregados do noso municipio” e asegurou que dende o Concello seguirán loitando para conseguir máis fomento do emprego “e para que ninguén nos torpedee o noso proxecto”.

Exit mobile version