Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Deportes de Burela ve demagoxia e palabrería nas críticas á política deportiva do concello

Nota de Prensa

NEVES CANDO TILDA DE DEMAGOXIA E PALABRERÍA BARATA AS CRÍTICAS VERQUIDAS POLOS POPULARES SOBRE A POLÍTICA DEPORTIVA DO EQUIPO DE GOBERNO. A TENENTE DE ALCALDE CONSIDERA QUE O PP NON É QUEN DE DAR LECCIÓNS SOBRE UN TEMA DO QUE NON SABE NADA.

Burela, 15 de setembro de 2010. A concelleira de Deportes, Neves Cando, tilda de demagoxia e palabrería barata as críticas verquidas polos populares sobre a política deportiva do equipo de goberno. A tenente de alcalde considera que o PP non é quen de dar leccións sobre un tema do que non sabe nada.

Neves Cando dixo que “desde o Concello queremos unha vez máis aclararlles aos veciños e veciñas de Burela unha serie de cousas relacionadas coa política deportiva que vimos desenvolvendo para que non se deixen enganar pola demagoxia e a palabrería barata do PP de Burela neste tema. Os populares volven insistir sobre a política de apoio aos clubes relacionada cos convenios asinados con eles e aquí o seu portavoz debería saber, porque a documentación tena, que en base a eses convenios a aportación económica que fai o Concello é para o desenvolvemento dunhas escolas deportivas de base, para a formación dos nenos e das nenas e para ofrecer uns monitores preparados e cualificados. A partir de aí a práctica deportiva tamén implica a participación en competicións e son os gastos derivados destas cuestións os que obrigan a algúns clubes a cobrar aos seus alumnos unha cuota de inscrición nas escolas deportivas. Ao mellor si a Xunta de Galicia apostase máis polo deporte base e menos por patrocinar equipos de elite que despois se van ao garete outro galo cantaría”.

A edil nacionalista sinalou que “o PP non é quen de falar de política deportiva porque neste tema non se entera de nada. Hai que lembrar que cando o PP gobernaba este Concello a súa política deportiva era de subvencións aos clubes, que por certo tamén tardaban en cobrar oito ou nove meses, e despois tiñan as escolas deportivas municipais que estaban en mans dunha empresa privada que cobraba unha cuota todos os meses aos rapaces e rapazas por cada unha das actividades, non só as relacionadas con estes clubes senón tamén as outras destinadas ao público xeral e que agora son gratuitas. Pero isto o PP non o di, por tanto non é quen de dar ningunha lección sobre política deportiva porque disto non sabe nada”.

A responsable de Deportes engadiu “polo que respecta ás asociacións e colectivos que xa non reciben subvencións municipais as razóns xa as demos en varias ocasións. Levamos dous anos nos que orzamentos municipais se viron moi recortados en máis dun millón de euros polo parón na construcción e esta reducción nos ingresos fíxonos reducir moitas partidas porque non é posible asumir tantos gastos e entre eles estaban as axudas a asociacións e colectivos, pero iso non impide que a colaboración entre o Concello e estas entidades non continúe. Non hai ningún colectivo ou asociación que se dirixise a nós para realizar unha actividade e que non puidese levala adiante por motivos económicos. Esa é a verdade, pero iso non lle interesa ao PP de Burela, só a política de descualificar e falar de despilfarro cando o que hai é actividade e compromiso”.

Cando subliñou que “estamos dende o equipo de goberno desenvolvendo máis iniciativas en materia de deporte, cultura, igualdade, turismo, educación, medio ambiente, emprego ou servizos públicos con máis dun millón de euros menos cada ano que o que facía o PP de Burela cando gobernaba nas épocas das vacas gordas con orzamentos municipais moito máis abundantes. E a pregunta é fácil ¿onde gastaba os cartos o PP que non se vían en iniciativas deste tipo? Esa é a realidade e isto o PP non o ve porque non participa na vida social deste pobo, está desaparecido dende hai tres anos cando o seu portavoz municipal se colocou na Deputación de Lugo e alí fai a súa carreira política. Déixennos traballar a nós polos nosos veciños e vostedes sigan facendo carreira política que parece que é o único que lles interesa”.

Exit mobile version