Site icon Crónica3.com A Mariña

O campo de fútbol municipal de San Cibrao xa ten un novo céspede

Nota de prensa:
O CAMPO DE FÚTBOL MUNICIPAL DE A VEIGA DISPÓN DE NOVO CÉSPEDE

*

Os traballos de resementado e adecuación do terreo de xogo foron feitos ao longo dos dous últimos meses polos alumnos do módulo de Medio Ambiente do obradoiro “Terras de Azul Cobalto”

*

O custe dos materiais para levar adiante esta actuación ascende a 9.000 euros

Cervo, 10 de agosto de 2010.- O campo municipal de A Veiga, conta con novo céspede despois de que remataran os traballos desenvolvidos ao longo dos dous últimos meses polos alumnos do módulo de Medio Ambiente do Obradoiro de Emprego “Terras de Azul Cobalto”, segundo informaron hoxe o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o colncelleiro de Deportes, Rubén Fernández.

O rexedor local recordou que esta actuación forma parte dos traballos acordados polo Concello e os responsables do Obradoiro de Emprego “Terras de Azul Cobalto” dentro do programa formativo dos alumnos que participan neste obradoiro. Villares salientou a necesidade de levar adiante estas labores de mellora e mantemento do terreo de xogo do campo de fútbol municipal de A Veiga “debido a que levaba bastantes anos sen que o seu céspede fora coidado de forma global mediante un proceso tan completo como o feito agora”.

O proceso seguido nesta actuación consistiu nunha primeira fase de preparación do terreo mediante a eliminación das malas herbas e das plantas de folla ancha. Posteriormente fíxose unha primeira corta do céspede existente e a continuación realizouse o aireado, escarificado e aboado do terreo co obxecto de preparalo para a nova sementa. A continuación realizouse a sementa do novo céspede e ao remate da mesma tapouse o terreo cun mantiño de turba e area. En último lugar levouse a cabo o rego periódico do campo e as sucesivas cortas do céspede ata chegar a acadar o aspecto que presenta actualmente o terreo de xogo. Ademais, aproveitouse tamén para mellorar o sistema de rego nalgunhas zonas do campo.

Segundo indicou o alcalde, o custe dos traballos superou os 9.000 euros no que atinxe so aos materiais empregados. “ A esta cantidade hai que engadirlle a man de obra necesaria para levar adiante esta actuación e que foi feita grazas ao bo traballo dos alumnos do obradoiro” recalcou Villares.

Pola súa banda, Rubén Fernández, concelleiro de Deportes, dixo que este investimento realizado no campo de A Veiga forma parte da mellora das distintas infraestruturas deportivas municipais coas que conta Cervo. “É unha aposta importante que levamos facendo dende hai tempo con outras actuacións semellantes en instalacións coma a piscina de Lieiro ou no complexo deportivo de Río Cobo, por poñer algúns exemplos. Este esforzo complementase, ademais, co noso apoio ao fomento da práctica deportiva a través das escolas municipais. E todo co único obxecto de que tódolos cervenses podan practicar deporte nunhas instalacións deportivas de calidade”.

Exit mobile version