Nota de Prensa
REMATARON AS OBRAS DE INSTALACIÓN FOTOVOLTAICA NA CUBERTA DO PAVILLÓN VISTA ALEGRE E DE CAPTACIÓN SOLAR PARA QUENTAR AUGA NO MESMO LUGAR E NO CAMPO DE FÚTBOL DE A MAROSA. O INVESTIMENTO ASCENDEU A MÁIS DE 110.000 EUROS.
O responsable de Obras e Servizos no Concello sinala que “as obras de instalación fotovoltaica de produción de enerxía eléctrica no pavillón Vista Alegre chegaron ao seu fin, tendo en conta tanto os regulamentos de ámbito nacional, como autonómico ou municipal e obtendo como resultado unhas características óptimas para o seu aproveitamento. A actividade de dita instalación consiste na produción de enerxía eléctrica a partir da solar, mediante a transformación directa da luz solar no panel fotovoltáico en enerxía eléctrica, as instalacións conectadas á rede van consumindo a medida que se produce, e vendendo a enerxía sobrante á rede de distribución pública”.
Doménech Gruñeiro engade que “a instalación consta de 10.000 w de potencia, está ubicada sobre a cuberta do pavillón e conta con cincoenta e catro módulos fotovoltaicos e os preceptivos elementos de conexión, protección e control. O funcionamento básico consiste en inxectar á rede eléctrica toda a enerxía xerada polo campo fotovoltaico, transformando a corrente continua en corrente alterna, proporcional á irradiación solar que incide sobre os paneis. Esta enerxía xerada mídese polo contador de saída, que se venderá a unha empresa subministradora, descontando os consumos que leve a cabo o lugar onde está ubicada. Toda esta actuación contou cun presuposto de 70.541,89 euros procedentes do FEESL 2010”.
Tamén rematou estes días a instalación de captación solar para auga quente no mesmo pavillón e no campo de fútbol de A Marosa. Segundo explica Pascual Doménech “a idea do Concello foi deseñar unha instalación que aproveitara unha enerxía gratuíta como é a solar co claro obxectivo de reducir o consumo de gas e eléctrico respectivamente. Despois de analizar as necesidades destas dúas instalacións, e tendo en conta as condicións do entorno, optouse pola implementación dun sistema solar para a produción de auga quente, dunha maneira limpa e eficiente. Este paneis de alta fiabilidade utilizan un novo recubrimento de titanio altamente selectivo e están instalados de tal forma que aproveitan ao máximo a radiación dispoñible. Constan tamén dun sistema de seguridade co cal en caso de produción solar excesiva e falta de demanda de auga quente, activase o disipador estático e como apoio, o aerorefrixerador. Estas actuacións contaron cun presuposto de 39.969,40 euros, grazas tamén ao reparto do FEESL para o Concello de Burela”.