Site icon Crónica3.com A Mariña

Xente boa e leña verde

Hai moita xente bondadosa no mundo. Haina con moi bos sentimentos e mellores intencións. Tamén hai moitos que queren impor os seus bos sentimentos. Impor os seus gustos, ata impor os seus ritos. Hai quen quere que digamos, que escribamos, pensemos, cantemos ou comamos o que lles gusta a eles. E fano polo noso ben. Por iso de cando en vez quítannos algúns xoguetes. E algunhas diversións. Polo noso ben, para reeducarnos. Para que non sigamos polo camiño equivocado. Unhas veces fano desde votacións parlamentarias. Outras fano por outros métodos máis expeditivos e cabróns.

Non terei tempo de acudir a algunha corrida en Barcelona. Non confundir con o dos “corre bous” que esa si é legal, pero igual de tortura para os touros que a outra. E tan querida por algúns que loitan contra os malos tratos dos animais. Non están sós. Ao seu lado están os bos. Tamén unha que estivo moi boa e agora é outra cousa, a recordada Brigitte Bardot. Ai! Se Serge Gainsbourg levantase a cabeza. A Bardot ,tamén moi preocupada por outros animais, está moi contenta co civilizado adianto da prohibición dos touros. Ela, que tanto nos gustou, ata cando usaba peles e non estaba espida, agora está próxima a Le Penn ¡que cousas!- aos da esquerda e dereita catalá. Contra os touros vivirán mellor.

Tamén están moi contentos os da loita contra a tortura aos animais, os vexetarianos, os zen e outros colectivos da xente boa, pero boa, boa, que nos quere librar dos nosos lastres de primitivismo e brutalidade. Síntome maior, pero aínda conservo a memoria de bastantes cousas e xentes..

Estou repasando esa obra mestra sobre a música do século XX que se chama “O ruído eterno” de Axel Ross. Alí atópome estas liñas falando do pracer dun verán en Bayreuth, máis ou menos nestas datas pero antes da gran catástrofe, antes das matanzas, da solución final, da barbarie. Todo era plácido entre o líder en ascenso e os habituais de Bayreuth., un plácido e culto estilo de vida, así o conta Ross:

“Hitler absorbeu rapidamente o estilo de vida de Bayreuth: vexetarianismo, activismo a favor do dereito dos animais, escarceos co budismo e a sabedoría hindú”

Era moi simpático, moi humano e con espírito reformador. Os herdeiros de Wagner, sen que Richard tivese a culpa desas amizades, estaban encantados con ese sensible político. Despois pensou que tiña que intervir nas músicas, as artes plásticas, as comidas e as diversións dun pobo, dun mundo…Pero esa é outra historia. El tampouco aprobaría esa barbaridade pública e notoria que é unha corrida de touros.

Otero Regal

Exit mobile version