Site icon Crónica3.com A Mariña

Unhas 14 mil persoas acudiron as oficinas de turismo de Ribadeo na primeira quincena de agosto

Nota de Prensa

PRETO DE 14.000 PERSOAS PEDIRON INFORMACIÓN NAS OFICINAS DE TURISMO DE RIBADEO NA PRIMEIRA QUINCENA DE AGOSTO, SEGUNDO OS DATOS QUE HOXE DEU A COÑECER O ALCALDE. FERNANDO SUÁREZ AMÓSASE SATISFEITO DE QUE RIBADEO SEXA ELEXIDO COMO PUNTO DE DESTINO OU DE PARADA PARA O TURISMO ESTATAL E INTERNACIONAL.

Ribadeo, 16 de agosto de 2010. Preto de 14.000 visitantes pediron información nas oficinas de turismo de Ribadeo na primeira quincena do mes de agosto. Os datos foron dados a coñecer no día de hoxe polo alcalde, Fernando Suárez, que tamén destacou que 500 peregrinos pernoctaron nos albergues ribadenses estes días.

O rexedor sinalou que “está á vista de todo o mundo que Ribadeo, afortunadamente, está a vivir unha intensa campaña de verán en moitos aspectos e no turismo tamén. Calquera persoa que se achegue á nosa vila poderá ver as rúas ateigadas de xente, os comercios, os restaurantes, os hoteis… eu supoño que igual que estou comentando isto algúns falarán da situación segundo lles vai, pero creo que como tónica xeral son innegables os milleiros e milleiros de persoas que se achegan aquí a Ribadeo e que veñen avalados polas cifras que nos dan os nosos servizos de turismo, tanto da rúa Dioniosio Gamallo Fierros na vila como na praia de As Catedrais ou mesmo dos albergues cos que contamos en Ribadeo”.

Suárez Barcia subliñou que “nesta primeira quincena de agosto aproximadamente uns 14.000 visitantes viñeron pedir información tanto á oficina de turismo de Ribadeo como ao punto de información da praia de As Catedrais. A este areal acudiron en busca de datos de interese un total de 3.991 persoas, cunha media de 200 persoas ao día, algo que indica que para ser unha praia é unha cifra que da vértigo. E pola oficina de turismo de Ribadeo pasaron 10.000 persoas, cunha media diaria de 650”. O alcalde segueu a relatar que “as técnicas de turismo notan unha grande afluencia de madrileños, cataláns, vascos e dáse un repunte con respecto a outros anos dos andaluces que visitan Ribadeo, probablemente fuxindo das altas temperaturas do sur da península. Nas fins de semana prodúcese un incremento de galegos e de asturianos, debido a que aproveitan eses días para viaxar pola zona por razóns de proximidade xeográfica. En Ribadeo vai medrando o turismo internacional, segue liderado por alemáns e franceses, seguidos a máis distancia de ingleses e italianos”.

Fernando Suárez manifestou que “tamén este 2010 é ano santo e aínda que a Xunta non da rehabilitado o famoso colexio das monxas para convertelo nun auténtico albergue de peregrinos, nos que temos no Cargadoiro e no habilitado en Covelas na escola de Vilela pernoctaron 500 persoas nesta primeira quincena do mes de agosto”. A procedencia dos peregrinos é, sobre todo, do País Vasco, Cataluña e Valencia e a maior parte deles fan o camiño en bicicleta. Italianos, alemán e franceses son os extranxeiros que máis se deciden a facer o Camiño Norte.

O alcalde de Ribadeo dixo que “hai un dato revelador e significativo que é o número de arrancadas que tivo o ascensor panorámico da Atalaia que hai unhas semanas entraba en funcionamento. A día de hoxe tivo 8.000 arrancadas, é dicir pulsacións para subir e baixar. Por dicir un dato concreto, este sábado 14 de agosto producíronse uns 538 arranques do elevador, si dividimos esta cifra entre as 9 horas que estivo en funcionamento prácticamente danos un arranque por minuto. É certo que durante moitos días puidemos ver colas para acceder a ese ascensor”.

Fernando Suárez engadiu que “incluso tivemos que reforzar os servizos de limpeza polas tardes porque as rúas peatonais parece que estiveron de romería diariamente, pero estamos francamente satisfeitos de que Ribadeo sexa un punto de destino, de referencia, de parada obrigatoria para o turismo estatal e internacional e congratúlome por iso no nome de todos os veciños e veciñas deste concello e animo e celebro que este sector tan importante da hostalería e da restauración siga tratando tan ben a toda a xente que nos visita e que seguro que vai por aí adiante falando moi ben de Ribadeo”.

Exit mobile version