Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha homenaxe a Suso do Bahía e o pregón de Neira Vilas deron paso a XXV Feira do Libro de Foz

Nota de Prensa

Antonio Veiga asistiu á inauguración da XXV Feira do Libro de Foz

No acto, o escritor Xosé Neira Vilas leu o pregón e a Federación de Libreiros Galegos rendeu unha homenaxe ao fundador do evento, Jesús Fernández López, coñecido como Suso do Bahía

Veiga visitou na feira a caseta do servizo de publicacións da Área de Cultura

Foz, 19 de agosto de 2010. O delegado de Cultura e Deportes da Deputación, Antonio Veiga, asistiu esta tarde á inauguración da XXV Feira do Libro de Foz e visitou nela a caseta do servizo de publicacións da área da que é responsable, ademais de conversar cos libreiros e vendedores dos 10 expositores que participan na mostra. O escritor Xosé Neira Vilas foi o encargado de ler o pregón de apertura, e posteriormente a Federación de Libreiros de Galicia rendeu un especial homenaxe a Jesús Fernández López, coñecido no concello como Suso do Bahía, que fundou a Feira do Libro focega e impulsou o evento ao longo dos 25 anos que leva celebrándose.

Antonio Veiga lembrou que “a Área de Cultura da Deputación colabora este ano, por primeira vez dende hai tempo, coa celebración das Feiras do Libro que se organizan na provincia de Lugo”. Explicou que “en Foz, tal como noutros concellos como Lugo e Viveiro, a Área ten unha caseta propia na Feira do Libro para mostrar o seu catálogo de publicacións aínda que, para non producir un agravio nas vendas dos libreiros que participan na feira, os da Área non están á venda”.

Este servizo de publicacións, tal como explicou o delegado, “realiza un importante e valioso traballo xa que, dende que entramos no goberno, as obras que se editan cumpren cuns obxectivos moi definidos e constitúen estudos baseados na provincia de Lugo, e poden deste xeito contar cunha edición de calidade e un oco nas librerías, xa que pola vía comercial non acadarían o número de vendas mínimo”. Veiga manifestou de novo “o apoio que a Área de Cultura brinda ao sector do libro, que é un dos que tamén se ven afectados pola crise” e deu os parabéns “á Federación de Libreiros Galegos que fai posible a celebración deste tipo de eventos”.

O pregón de Xosé Neira Vilas, que foi escoitado por un numeroso público, consistiu nun interesante repaso á historia do concello de Foz no que o autor de “Memorias dun neno labrego” explicou a relación que con este concello tiveron escritores tan importantes para as letras do noso país como son Noriega Varela, Vilar Ponte ou Luís Seoane. A banda de música do concello tamén participou no acto, e a xornada inaugural pechouse co encontro que mantivo o escritor e pregoeiro cos seus lectores, aos que asinou algunhas das súas obras, e co sorteo dun lote de libros. A mostra permanecerá aberta ao público de 17:30 a 22:00 horas na praza Conde de Fontao ata o vindeiro domingo día 22.

Exit mobile version