O CONCELLO ASINOU UN CONVENIO DE COLABORACIÓN COA DEPUTACIÓN DE LUGO PARA A REHABILITACIÓN DO VELLO PAVILLÓN DE DEPORTES DA VILA. O INVESTIMENTO ASCENDE A 2,5 MILLÓNS DE EUROS DOS QUE 800.000 SE EXECUTARÁN ESTE ANO.
Ribadeo, 23 de agosto de 2010. O alcalde, Fernando Suárez, asegurou que hoxe é un día moi importante para Ribadeo tras a sinatura dun convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Lugo que suporá un investimento de 2,5 millóns de euros nos vindeiros tres anos na rehabilitación do vello pavillón de deportes da vila, que está na Avenida de Luarca.
O rexedor pensa que “é un día moi importante para Ribadeo, para o deporte base no noso concello, cada día máis vizoso e con máis clubes e asociacións, e tamén é un bó día dende o punto de vista da seguridade, dado que esta modificación sustancial que prácticamente é a construcción dun novo pavillón no lugar onde temos o vello polideportivo, feito aló polos anos 60, ven a mellorar unha situación que estructuralmente estaba francamente mal”.
Suárez Barcia considera que “o pavillón vello no seu momento foi unha boa cousa para Ribadeo, pero a día de hoxe está absolutamente ultrapasado no que son as circunstancias de seguridade e é necesario ir a unha nova infraestructura”.
O alcalde destaca “tamén o compromiso que tiveron con Ribadeo o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, e o delegado de Deporte e Cultura da Deputación, Antón Veiga, que se plasma nun convenio que contempla que neste ano 2010 xa teremos que ter feita unha inversión duns 800.000 euros ata un total de 2,5 millons de euros, que sufragará integramente a Deputación Provincial de Lugo”.
Fernando Suárez subliña que “dende logo é unha moi boa noticia para todo este movemento asociativo de fútbol, de fútbol-sala, de baloncesto, de ximnasia rítmica, de baile, …; en fin, de todos os que hai e de todos os que poida haber máis nesta infraestructura tan importante, tan grande e tan moderna que vai ter Ribadeo afortunadamente”.
NOTA DA DEPUTACIÓN:
ASINOUSE O CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A DEPUTACIÓN E O CONCELLO DE RIBADEO PARA A REFORMA DO PAVILLÓN MUNICIPAL
A subvención, de 2.500.000 euros, será financiada a 3 anos e dotará ao concello dunhas instalacións ampliadas e practicamente novas
LUGO, 23 de agosto de 2010. O nacionalista Fernando Suárez Barcia, alcalde do concello de Ribadeo, asinou esta mañá no despacho do delegado de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, no Pazo de San Marcos, o convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o concello de Ribadeo para a realización de obras de reforma e ampliación do pavillón polideportivo ribadense. Concédese, segundo este convenio, unha subvención excepcional por importe de 2.500.000 euros que será financiada a 3 anos, sendo en 2010 a inversión de 800.000 euros, no 2011, 700.000 euros e no 2010, 1.000.000 de euros.
Deste xeito, e como explicou Veiga, que asistiu á sinatura do convenio, “cúmprese unha vella demanda do concello e do deporte da Mariña en xeral, xa que dende hai tempo Ribadeo ven reclamando esta reforma e así, ademais, continuamos coa nosa liña de mellora da rede de instalacións deportivas municipais da provincia”. Afirmou que esta é “unha moi boa nova para Ribadeo e tamén para os deportistas da comarca, xa que por fin o concello conta cun pavillón practicamente novo, reformando o antigo, que data de preto dos anos 60 e presenta múltiples deficiencias”.
O concello de Ribadeo solicitara esta subvención o pasado mes de marzo, logo de comprobar a necesidade desta reforma polas evidentes insuficiencias do pavillón, que imposibilitaban a práctica deportiva. Fernando Suárez afirmou que “este é un moi bo día para Ribadeo no referente a infraestruturas, xa que deste xeito se potencia o movemento asociativo e deportivo ribadense, que á fin contará cun pavillón novo, reformando o antigo, que data de preto dos anos 60 e presenta múltiples deficiencias”. Afirmou que o concello preparará o antes posible todo o necesario para dar comezo ás obras, e reiterou o seu agradecemento “á Deputación de Lugo, e en especial á Vicepresidencia Primeira e ao deputado delegado de Cultura e Deporte, por este compromiso con Ribadeo polo que sen dúbida, os veciños e veciñas de Ribadeo estarán francamente agradecidos”.
A Deputación de Lugo, a través da súa política deportiva, segue deste xeito na liña consolidar a existencia dunha rede de instalacións deportivas públicas na provincia que dea resposta ás necesidades dos concellos nesta materia. Na xunta de goberno do pasado 13 de agosto, a Deputación dispuxo a concesión directa desta subvención plurianual de carácter excepcional para a execución destas obras, con prazo ata o 30 de decembro de 2012.