Notas de Prensa 1/2
A XUNTA EXPRESA A FIRME REPULSA DO POBO GALEGO POLO CASO DE VIOLENCIA DE XÉNERO REXISTRADO HOXE EN LUGO
* Resalta a “profunda consternación e a tristeza” que causa na sociedade un feito que considera “intolerable”
* Remarca que o Goberno galego seguirá traballando para implementar políticas a prol da igualdade e fará todos os esforzos para que este tipo de crimes non teñan cabida na sociedade
Santiago, 26 de agosto de 2010.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe, en nome do Goberno galego, a “firme repulsa” e a condena de todo o pobo de Galicia ao último caso de violencia de xénero rexistrado esta mañá en Lugo que acabou coa vida dunha muller. O mandatario galego manifestou “a profunda consternación e a tristeza” que causa na sociedade un feito que considerou “intolerable”.
Feijóo quixo trasladar “o pesar de toda a sociedade galega” á familia da falecida, e lembrou o papel “fundamental” que na loita contra a violencia de xénero desenvolve a propia sociedade e, especialmente, as administracións públicas como peza clave para evitar que este tipo de crimes queden impunes. Así mesmo, salientou a necesidade de concienciar a toda a cidadanía no rexeitamento á violencia machista e na loita contra esta “lacra social” que atenta contra o dereito natural das persoas.
Nesta liña, destacou que o Goberno que preside vai seguir traballando para seguir implementando políticas de igualdade e facer “todos os esforzos” para que sucesos coma este non se volvan repetir e non teñan cabida na nosa sociedade.
Notas de Prensa 2/2
DECLARACIÓNS DA DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA DIANTE DO CRIME POR VIOLENCIA DE XÉNERO OCORRIDO HOXE EN LUGO
Lamentablemente, temos que computar a primeira vítima mortal por violencia de xénero no que vai de ano en Galicia. Unha veciña lucense morreu a mans do seu compañeiro sentimental, un asasinato infame que indigna a todos os homes e mulleres de ben desta provincia, de Galicia e do Estado.
A actuación criminal ocorrida hoxe na nosa cidade provoca espanto, pesadumbre e repulsión. Calquera condena parece insuficiente ante a natureza dun asasinato como este.
En medio da desazón que produce esta mala nova, quero reiterar a importancia de que toda a sociedade se conciencie da necesidade de acorralar aos maltratadores, demostrando tolerancia cero diante de calquera manifestación de violencia machista.