Site icon Crónica3.com A Mariña

Remata o prazo para inscribirse no campamento urbán de sostibilidade en Ribadeo

Nora de Prensa

MAÑÁ A MEDIODÍA REMATA O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO CAMPAMENTO URBÁN DE SOSTIBILIDADE QUE DARÁ COMEZO EN RIBADEO O VINDEIRO 30 DE AGOSTO.

Ribadeo, 26 de agosto de 2010. Mañá venres a mediodía remata o prazo de inscrición para participar no campamento urbán de sostibilidade que dará comezo en Ribadeo o vindeiro luns 30 de agosto.

Segundo informa a Delegación de Medio Ambiente “a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe organiza este campamento temático orientado nas liñas do desenvolvemento sostible, da integración interxeracional e da participación cidadá. Nesta cita 50 cativos, con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos, aprenderán conceptos de interpretación de paisaxe, compartirán actividades cos maiores no centro de día, aprenderán a facer xoguetes con materiais de refugallo, analizarán unha zona recreativa para propoñer melloras ao Concello e participarán nun mercadiño de troco e nun taller de consumo responsable”.

O campamento, que será o último dos organizados este verán pola Dirección Xeral nos diferentes núcleos de sostibilidade, terá por escenario o CEIP Gregorio Sanz. Comezará o 30 de agosto e rematará o 3 de setembro, en horario de 10 a 14 horas. Os interesados en participar poden anotarse ata mañá a mediodía na Axencia Local de Sostibilidade no Concello de Ribadeo.

Desde a organización apuntan que “haberá actividades tanto no CEIP Gregorio Sanz como na praza do Concello, e o venres 3 de setembro terá lugar un mercadiño do troco. Trátase dun intercambio de xoguetes ou obxectos que os nenos non usan ou non precisan para poder facer o troco con outros doutros rapaces”.

Exit mobile version