Site icon Crónica3.com A Mariña

Concello de Cervo e promotres das festas locales concretaron un operativo especial de seguridade

NOTA DE PRENSA:
O CONCELLO FAI UN CHAMAMENTO PARA O BO USO DOS BENS PÚBLICOS NAS XORNADAS FESTIVAS DA VINDEIRA FIN DE SEMANA

Responsables municipais reuníronse hoxe cos organizadores das festas do Ovo Frito, Maruxaina e as patronais de Cervo e Queimada para concretar o dispositivo que se porá en marcha co obxecto de mellorar a seguridade e as condutas cívicas dos participantes nestas festividades

Cervo, 12 de agosto de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e técnicos municipais reuníronse hoxe á unha do mediodía cos representantes das comisións organizadoras das festas do Ovo Frito, Maruxaina, Patronais de Cervo e Queimada para concretar o operativo especial que prestará servizo durante devanditas festividades.

Segundo lembrou o rexedor, a plantilla de traballadores municipais leva dende hai semanas traballando arreo cos organizadores das distintas actividades lúdico-festivas que se desenvolven no concello neste mes de agosto. “Levamos uns días sen apenas descanso. Comezamos coa celebración das noites de teatro de Cervo; despois, a Arroutada e a Festa do Turista de San Ciprián; logo a Festa da Malla en Rúa; e agora estamos a coordinarnos coas comisións de festas para afrontar unhas citas importantes coma son a Festa do Ovo Frito, A Maruxaina e as festas patronais de Cervo, ademais da Queimada Popular. Son eventos que congregan a moita xente e que necesitan dun dispositivo de seguridade e limpeza especial para poder garantir o bo desenvolvemento destas celebracións” recalcou Villares.

SEGURIDADE E LIMPEZA REFORZADAS

O rexedor sinalou que os asistentes á xuntanza coincidiron na necesidade de incidir no reforzo da seguridade das persoas para que as festas transcorran con normalidade. Neste sentido adiantou que, a maiores dos efectivos habituais despregados nestes eventos pola Policía Local e a Garda Civil, este ano como novidade tamén se contará co reforzo de efectivos da Policía Autonómica.

No que atinxe á limpeza urbana o Concello ten establecido unha serie de medidas, xa habituais, como son a colocación dun considerable número de colectores distribuídos por diversos puntos das festas e varios traballadores da brigada de limpeza municipal teñen previsto desenvolver as súas tarefas dende primeiras horas da mañá do día seguinte a cada unha destas celebracións para recuperar o aspecto das rúas no menor tempo posible.

COLABORACIÓN E RECOMENDACIÓNS

Villares pediu a colaboración de tódalas persoas que van a estar de festa e convivindo nestas xornadas nas distintas celebracións esixindo o máximo respecto e coidado con todo o material e mobiliario urbano, tanto público coma privado. “En definitiva que sexan unhas festas cívicas, agradables, nas que no se produzan ningún tipo de desperfectos” incidiu o mandatario local.

Entre as recomendacións dadas polos responsables municipais figura que non se sirvan bebidas en vasos ou botellas de cristal para evitar cortes e outros danos en persoas e vehículos; que se faga uso dos colectores de lixo instalados para estas celebracións evitando depositar os residuos na rúa ou noutros espazos non habilitados ao efecto; que se utilicen os baños públicos e que se respecte en todo o momento o mobiliario urbano, vehículos, vivendas e outros espazos públicos ou privados.

Tamén se solicita aos condutores que respecten a sinalización e as indicacións dos axentes da Policía Municipal, Garda Civil e Urxencias; que non estacionen en zonas valadas ou de acceso restrinxido para evitar atascos; e que procuren evitar acceder con vehículo aos lugares das celebracións e opten por utilizar as zonas de aparcamento habilitadas.

Exit mobile version