Catro creadores debaterán sobre memoria e creación na Feira do Libro de Viveiro
As lembranzas da infancia como fonte de inspiración, as fronteiras entre memoria e ficción, ou o papel das recreacións literarias ou plásticas na reconstrución dos imaxinarios colectivos, serán algúns dos temas a abordar no faladoiro cultural que se celebrará mañá, venres, ás 20:30h na carpa principal da Feira do Libro de Viveiro.
A tertulia, organizada pola revista TEMPOS Novos, contará coa participación do escritor e xornalista viveirense Ramón Pernas; o autor de literatura infantil Xabier P.Docampo, quen ademais será pregoeiro da feira; a artista plástica burelense Renata Otero e o ensaísta e poeta, membro do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Emilio Xosé Insua.
Os faladoiros culturais de TEMPOS Novos constitúen unha cita mensual que pretende revitalizar o hábito dos cafés literarios, tan habituais noutros tempos entre os máis destacados nomes das artes e das letras galegas. Até o de agora, as tertulias celebráronse sempre na sala Dado Dadá de Santiago, e abordaron temas como as potencialidades do Xacobeo para a promoción da cultura galega; a música folk galego, a promoción do libro e da lectura ou a relación do Día das Letras Galegas coa sociedade. Nesta ocasión, aproveitando a celebración da Feira do Libro viveirense, a revista desprázase á vila mariñá, nun intento por descentralizar a realización dos faladoiros, e achegar este tipo de iniciativas a outros lugares.
A memoria ten sido fonte de inspiración para os creadores desde a Antigüidade Clásica. Os catro participantes na conversa teñen reflexionado sobre a potencia das lembranzas para a recreación de mundos imaxinarios, e tamén como forma de catarse ou curación perante as feridas da vida e da historia. Nos tempos nos que se fala tanto da necesidade de recuperar a memoria histórica, parece importante escoitar ás voces dos artistas e dos escritores, que tanto teñen que achegar nesta busca do pasado esquecido.
A asistencia á tertulia é libre; o debate abriráse ao público asistente. Un resumo do faladoiro será publicado no número de setembro da revista TEMPOS Novos.