LUGO .- A dirección xeral de Patrimonio Cultural, baseándose no informe negativo achegado polo Comité Asesor do Camiño de Santiago, resolveu non autorizar a proposta presentada pola Deputación de Lugo para a reforma da Ponte de Arante. Patrimonio solicita á Deputación a xustificación da necesidade de demolición da ponte.
Nota de Prrensa
PATRIMONIO SOLICITA Á DEPUTACIÓN DE LUGO A XUSTIFICACIÓN DA NECESIDADE DE DEMOLICIÓN DA PONTE DE ARANTE EN RIBADEO
* O ente lucense ten un mes de prazo para presentar as alegacións e modificacións pertinentes a un proxecto do que xa fora informado previamente que non se axustaba aos criterios de conservación dun entorno como o desta construción
* Os informes dos técnicos do departamento autonómico consideran que é máis axeitada a opción de reforzar a ponte, conservando a estrutura de fábrica da mesma
Lugo, 4 de agosto de 2010.- A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, baseándose no informe negativo achegado polo Comité Asesor do Camiño de Santiago, resolveu non autorizar a proposta presentada pola Deputación de Lugo para a reforma da Ponte de Arante
Esta construción, situada na parroquia do mesmo nome do Concello de Ribadeo, sitúase ao pé da traza do Camiño Norte e a uns 15 metros da capela das Virtudes, e foi un dos bens que resultou afectado polas riadas acaecidas na comarca da Mariña no mes de xuño.
O organismo autonómico, tras dun minucioso estudo do proxecto presentado pola institución provincial para o arranxo da ponte ribadense, conclúe “solicitar á Deputación de Lugo a xustificación da necesidade da demolición da ponte existente”, posto que, baseándose nas decisións dos técnicos “considérase que, de ser posible, é máis axeitado conservar esa estrutura de fábrica, reforzándoa”. Para isto, outorga un prazo dun mes para que o ente lucense presente as alegacións e modificacións pertinentes.
A Dirección Xeral de Patrimonio apela ao informe desfavorable emitido polo Comité Asesor do Camiño de Santiago na súa última xuntanza, reunido en sesión ordinaria, no que abordou este asunto entre outros puntos do día.
Con carácter previo, os informes dos técnicos da propia Consellería de Cultura tamén rexeitaran o proxecto por considerar “desaxeitada a demolición da ponte e a solución proposta”. Os informes coinciden en opoñerse á construción dunha nova ponte en substitución da existente, incidindo ademais en que os materiais propostos para esta nova obra “non son acordes co contorno no que se atopa”.
A Deputación de Lugo, conta por tanto cun mes para presentar as modificacións que estime a un proxecto, do que xa era consciente que contaba con deficiencias, posto que xa fora informado dos problemas dunha actuación como a que finalmente plantexou para a ponte de Arante nunha reunión previa con parte de persoal técnico da Consellería.
Por outra banda, a Dirección Xeral indica que, ás cautelas habituais que orientan os expediente relacionados co patrimonio, uníase o feito de que este caso en concreto debía ser revisado polo Comité Asesor do Camiño de Santiago. De tódolos xeitos, a proposta remitida pola Deputación Provincial foi tratada na reunión do devandito comité inmediatamente posterior á presentación da solicitude.