CERVO .- Este ano as festas patronais de Cervo contarán cuns pregoeiros ben coñecidos e moi apreciados polas veciñas e veciños deste concello lucense: Os integrantes do grupo de teatro afeccionado O Bordelo.
Tras o éxito acadado na organización das tradicionais citas estivais das Veladas de Teatro no Souto e do orixinal proxecto EXPRESS-arte, que nos a finais do mes de xullo contou cunha media de 450 seguidores por día, os membros deste colectivo que leva doce anos ao servizo da cultura por toda Galicia poderán facer de profetas na súa terra asumindo a cita ineludible co pregón, que serve de pistoletazo de saída para as celebracións na honra de San Roque e de Nosa Señora a Virxe do Carme.
Aínda está por coñecer o programa definitivo das festas patronais da capital de Cervo –que será presentado na súa totalidade nas vindeiras datas- pero xa sabemos que o pregón terá lugar o venres 13 de agosto sobre as 19 horas, coincidindo coa celebración da Festa do Ovo Fritido.
Francisco Piñeiro, director de escena, actor e escritor, conta no seu haber con máis de setecentas representacións teatrais e xunto a súa dona Mª Paz Rodríguez Silva, e os actores Dolores Viamaonte Rey, Antonio González- Patoso, Xosé Vicente Mon e Xosé Manuel González- Copa contarán este ano coa responsabilidade de saír á escena non para ofrecer unha das súas divertidisima obras senón para pregoar as festas patronais do pobo no que residen.