O Hospital da Costa moderniza as súas dotacións incorporando estacións de traballo médicas aos seus quirófanos
Este novo equipamento, para o que se investirán en torno a 70.000 euros, contará con unidades fixas e móbiles
Esta iniciativa forma parte do Plan Director de Sistemas e Tecnoloxías da Información, co que se quere acadar unha modernización do funcionamento do sistema que permita unha xestión máis eficiente e sostible
Burela, 14 de agosto de 2010.- O Hospital da Costa vai incorporar estacións de traballo médicas aos seus quirófanos, actualizando deste xeito as instalacións deste centro sanitario a través deste equipamento informático, que facilitará aos traballadores deste centro o desenvolvemento do seu labor profesional.
Este novo equipamento, para o que o Hospital burelense vai investir en torno a 70.000 euros, contará con unidades fixas -destinadas aos quirófanos dos servizos de Otorrinolaringoloxía e Traumatoloxía- e móbiles.
As estacións que o Hospital vai adquirir contan con conectividade wifi e inclúen avances na súa ergonomía, incluíndo un teclado máis cómodo de utilizar para os profesionais sanitarios, que poderán disfrutar deste xeito dunha maior operatividade nos quirófanos no manexo destes aparatos.
Estas novas dotacións enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por potenciar a sanidade pública e as súas infraestruturas no norte da provincia de Lugo. Así, tanto o Hospital da Costa como o Servizo Galego de Saúde están a facer unha firme aposta no eido das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TICs) na atención sanitaria pública, xa que estes son instrumentos imprescindibles para facilitar a equidade e universalidade da mesma.
Así, a adquisición destas estacións forma parte do Plan Director de Sistemas e Tecnoloxías da Información, que ten como obxectivo levar a cabo unha modernización do funcionamento do sistema que permita unha xestión máis eficiente e sostible, situando sempre ao paciente como centro do sistema.
O Servizo Galego de Saúde dá así un paso máis no cumprimento do seu obxectivo de garantir unha sanidade pública de calidade, prestar uns servizos públicos próximos e eficientes e dispoñer de infraestruturas e equipamento tecnolóxico e moderno, axeitado ás necesidades asistenciais actuais e de futuro da poboación.