BARREIROS (FNC) .- O campo de fútbol de As Valgas en San Miguel de Reinante será escenario do vindeiro sábado 7 de agosto do XXIX Festival Folclórico do Emigrante que organizan a asociación O Arco da Vella e o Concello de Barreiros coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
A xornada dará comezo pola mañá, de 10 a 14 horas, coa celebración da V Feira Artesanal na praza do Souto. E xa ás 22 horas no campo de fútbol de As Valgas dará comezo o Festival Folclórico Internacional no que participarán este ano catro agrupacións: Lezginka, da República de Dagestan; Amazonía, de Brasil; El Celemín, de Murcia, e O Arco da Vella, de San Miguel de Reinante. A cita rematará con verbena despois do festival amenizada polo grupo musical Lecer.
O Festival Folclórico Internacional do Emigrante, que foi presentado esta mañá no salón de plenos do Concello de Barreiros, foi declarado hai anos festa de interese turístico en Galicia.