NOTA DE PRENSA:
A costeira desenvólvese desde principios do mes de xuño e ata mediados do mes de outubro e nela participan embarcacións procedentes de moitos portos galegos
O PPdeG INTERÉSASE POLAS MEDIDAS QUE A XUNTA DISPÓN EN APOIO DA FLOTA BONITEIRA
* Os populares recomendan aos consumidores galegos a incorporar aos seus menús o bonito do norte identificado coa etiqueta verde, porque estarán escollendo un peixe capturado con métodos artesanais rigorosamente respectuosos co medio mariño, nunha época na que chega fresco aos portos galegos e con excelentes características nutricionais que o converten nun prato moi san
Santiago, 12 de agosto de 2010.- Desde principios do mes de xuño e ata mediados do mes de outubro, ducias de embarcacións galegas participan na costeira do bonito, tarefa na que contan coa colaboración da Consellería do Mar que pon en marcha todo un operativo de apoio técnico e loxístico en beneficio das tripulacións que se atopan en alta mar. Para coñecer o funcionamento deste operativo, os medios que participan e as valoracións que fan desde a Xunta de Galicia do desenvolvemento desta costeira o Grupo Parlamentario Popular a través do seu portavoz do Mar, José Manuel Balseiro, rexistrou unha iniciativa na Cámara galega.
O portavoz popular de Asuntos Marítimos tamén quere coñecer o impacto que na presente costeira está a ter a campaña de promoción “Faino bonito” na que a Xunta distribuíu 150.000 etiquetas plásticas de cor verde nos portos de Burela, Celeiro, A Coruña e Vigo, para identificar o bonito do Norte, con carácter previo á súa comercialización, de tal xeito que poida ser escollido de forma preferente polos consumidores. A campaña promocional inclúe tamén o reparto de 60.000 trípticos de man, 500 carteis e 300 folletos nos puntos de venda das superficies de alimentación que se sumaron á iniciativa e peixerías.
O MELLOR MOMENTO PARA O SEU CONSUMO
Dende o Grupo Parlamentario Popular queren recomendar aos consumidores galegos a apostar polo consumo do bonito identificado coa etiqueta verde na súa cola, porque non só estarán escollendo un produto con excelentes garantías hixiénicas e nutricionais, senón tamén apostando por un peixe capturado de xeito individual, e con métodos artesanais rigorosamente respectuosos co medio mariño. Balseiro lembra ademais que nos meses de verán o bonito chega fresco aos nosos portos polo que é o mellor momento para degustalo e incorporalo aos menús. Insiste o portavoz popular do Mar nas excepcionais características nutricionais deste túnido, que o converten nun peixe moi san, rico en omega-3, que axuda a reducir dun xeito natural os niveis de colesterol, e cheo de proteínas e vitaminas como a A, B, D e K que ofrecen unha mestura perfecta entre sabor e saúde.