Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP presentará unha moción na Deputación pedindo o aprazamento das devolucións ao Estado

NOTA DE PRENSA:

“Zapatero afoga a Lugo”, afirman categóricamente dende o Partido Popular

* A noticia de que a Deputación e os concellos de Lugo terán que devolver ó Estado 12 millóns de euros correspondentes ós adiantos recibidos no ano 2008 é un novo mazazo á xa preocupante situación da provincia, que acaba de ver como foi a máis perxudicada polas recortes orzamentarios establecidos polo Ministerio de Fomento que dirixe José Blanco

* O GPPP presentará unha moción na administración provincial pedindo un aprazamento das devolucións, que extenderá tamén ó resto dos concellos

Lugo, a 4 de agosto de 2010.- “Zapatero afoga a Lugo”. Esa é a preocupante conclusión que saca o vocerio do Grupo provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro ante a noticia de que a Deputación de Lugo deberá devolver ó Estado algo máis de sete millóns de euros polos adiantos recibidos en 2008 polas transferencias do Estado.

A inquietude por esta situación, que o voceiro provincial dos populares non dubidan en calificar de “novo mazazo” ós intereses da provincia, amplíase ante a expectativa de que os cartos que deberán retornarse ás arcas do Estado polos adiantos do exercicio 2009 será aínda máis cuantioso que os do 2008. Tendo presente ademais, suliñan, que as devolucións afectarán igualmente a cada un dos concellos da provincia, que en conxunto terán que reembolsar algo máis de cinco millóns de euros, non cabe dúbida de que o futuro destes municipios e da provincia no seu conxunto non estará garantizado polo goberno socialista.

“O Goberno de Zapatero, co lucense José Blanco como brazo executor, paraliza ou retrasa a construcción de infraestructuras básicas para Lugo que son da súa competencia, convertindo á nosa provincia na máis perxudicada de Galicia polos seus recortes orzamentarios, e por si eso fora pouco, agora reclama os adiantos realizados a cargo das transferencias”, explican dende o PP.

Ante esta “gravísima situación”, o GPPP ten previsto presentar unha moción na Deputación na que se solicitará do Estado o aprazamento da devolución destes cartos. A iniciativa, seguindo o criterio xa fixado pola Xunta polos 2.600 millóns que lle reclama o Goberno Zapatero, farase extensiva ó resto dos concellos da provincia cuxa supervivencia financieira corre nesta nova conxuntura serio perigo tras afondar na xa difícil situación na que se atopan por mor dos efectos da crise económica que os socialistas non souberon atallar a tempo.

O Goberno de Zapatero non fai máis que sumar recortes sobre recortes, reiteran os populares, por culpa da súa nefasta xestión económica. “Traspasa a súa incompetencia ó resto das administracións, que terán que pagar e sufrir os seus erros e que, en última instancia, perxudicarán de xeito notorio a todos e cada un dos veciños da nosa provincia”.

“Zapatero e o seu goberno non fai máis que afogar cada día un pouquiño máis á provincia de Lugo e esta nova volta de tuerca resulta xa inaguantable”, engade Barreiro.

Dende o GPPP lembran que a reducción de fondos transferidos do goberno central ás administracións locais este ano supuxo unha perda conxunta de doce millóns de euros. “Se sumamos o que deixamos de percibir, as obras que non veremos avanzar e o que teremos que devolver, a suma fai unha resta descomunal”, conclúen.

Exit mobile version