CERVO .- O alcalde de Cervo asistiu ao inicio dos traballos de mellora e ampliación na rede de abastecemento de auga do núcleo urbano de Cervo. Esta actuación complementarase a outra que ten previsto comezar ao remate do presente mes, aseguran.
Nota de Prensa
O rexedor local supervisou esta mañá o arranque dos traballos
O NÚCLEO DE CERVO BENEFICIASE DAS OBRAS DE MELLORA E AMPLIACIÓN DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA
* Esta actuación complementarase a outra que ten previsto comezar ao remate do presente mes
* Os traballos son financiados pola Xunta de Galicia e pretenden mellorar diversos tramos da traída de augas municipal, a cal viña padecendo problemas de roturas derivados polo paso do tempo
Cervo, 3 de agosto de 2010.- O alcalde de Cervo supervisou esta mañá o inicio dos traballos de mellora e ampliación na rede de abastecemento de auga do núcleo urbano de Cervo.
A devandita obra é financiada pola Xunta a través do organismo Augas de Galicia e está sendo acometida pola empresa Espina Obras Hidráulicas. Segundo indicou o alcalde esta actuación persegue atallar os problemas derivados da lonxevidade das tubaxes da traída de auga do núcleo de Cervo. “Trátase dunhas canalizacións obsoletas que teñen máis de 30 anos e que nos están causando algún que outro problema” afirmou.
A este respecto Villares dixo que precisamente a pasada fin de semana, coincidindo coas xornadas de Teatro do Bordelo, produciuse unha destas roturas na zona do Souto, “pero afortunadamente, e grazas ao bo traballo do persoal dos servizos de Obras e Augas, solucionouse o problema” e agradecer o labor do persoal municipal “pola súa boa disposición para solventar estes atrancos”. Así mesmo, dixo que as obras iniciadas no día de hoxe, “xunto con outras que darán comezo ao remate do presente mes de agosto”, contribuirán a solventar estes problemas de fugas e roturas na traída da auga na capitalidade municipal.
“As xestións que estamos facendo dende hai anos no Goberno municipal van encamiñadas a recabar recursos económicos para mellorar as infraestruturas básicas como abastecementos de auga ou saneamentos… Pensamos que este tipo de inversións, aínda que podan pasar desapercibidos pola xente porque se trata de obras soterradas, son fundamentais e prioritarias para conseguir que os nosos veciños teñan un nivel óptimo de servizos básicos”
Por último, Villares asegurou que o equipo de Goberno local continuará a traballar en colaboración coas distintas administracións para conseguir dotar e modernizar as infraestruturas básicas do concello “ata poder chegar a dotar a tódolos recunchos dos nosos núcleos de poboación este tipo de servizos”