Nota de Prensa
O GRUPO “MÁIS TALENTO, MENOS CEMENTO” ORGANIZA O SÁBADO DÍA 4 ÁS 22 HORAS UNHA CEA COA FINALIDADE DE RECADAR FONDOS PARA A “I FESTA DE EXALTACIÓN DO CEMENTO”
O grupo “Máis talento, menos cemento” é un colectivo aberto, formado por persoas de moi diversas ideoloxías, no que calquera pode participar sempre que comparta o seu obxectivo básico: Defender un desenvolvemento sostible e racional, e polo tanto, oporse á brutal especulación urbanística da que foi e segue sendo vítima o noso litoral.
“Máis talento, menos cemento” pretende facer visible que outra forma de crecemento é posible, que para avanzar cara ao futuro non fai falla destruír o pasado e que manter a personalidade das nosas vilas, aldeas ou cidades é garantía de futuro.
Con esta finalidade nace a I Festa de exaltación do cemento que se vai celebrar na praza do Souto en San Miguel de Reinante o vindeiro sábado 18 de setembro na que van participar músicos-as e actores-actrices galegos de recoñecido prestixio nunha velada na que se van mesturar música, poesía e teatro dos máis diversos estilos e na que tamén se estreará o documental “Imaxina Barreiros” realizado por Comba Campoy e Laly López e debutará publicamente o grupo musical de Barreiros Tumba e Dálle.
Con esta festa preténdese exaltar o talento que demostrou ter a xente do concello ao longo da súa historia (no folklore, deporte, teatro,…) e opoñelo de forma lúdica e retranqueira á desfeita do cemento como única alternativa de futuro que se nos ofrece.
Dado que “Máis talento, menos cemento” é un grupo que se autofinancia ao 100%, para recadar fondos para a realización deste evento organiza unha cea, que se celebrará este sábado día 4 ás dez da noite no restaurante Yenka da praia de Reinante (Barreiros) e que estará amenizada pola música dos grupos “Tumba e dálle” e “Habelas hainas”. O prezo dos bonos é de 30 € (20 para estudantes, xubilados e parados) e poden retirarse no bar A Dulcería de San Miguel, no camping Gaivota de Benquerencia e no bar Moderno de San Cosme. Tamén se pode mercar o bono directamente no restaurante Yenka o mesmo día, facendo a reserva no facebook “Barreiros: máis talento, menos cemento” ou no teléfono 881979080.