Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo limpará a maleza en máis de 20 quilómetros da captación da auga desde Vilabertote

RIBADEO (FNC) .- O Concello procederá a limpar a maleza acumulada nos máis de 20 kilómetros da captación da auga que vai desde Vilarbetote en Trabada ata Ribadeo. Fernando Suárez asegura que o obxectivo pasa por poder actuar coa máxima celeridade en caso de que se produza unha rotura importante nesa rede que abastece tanto á vila como ás parroquias.

O alcalde sinalou que “xa me teño referido máis veces á situación da captación de auga para Ribadeo, tanto para a vila como para as parroquias, onde recibimos auga desde o veciño concello de Trabada desde a captación que temos en Vilarbetote e que despois a través dunha longa tubería de máis de 20 kilómetros ven ata o depósito que temos en Ove. Esta tubería data dos anos 70, é moi anticuada e de feito xa nos temos dirixido á Xunta de Galicia en varias ocasións para que teña en conta a súa substitución”. Fernando Suárez manifestou que “desde hai anos vemos que pola superficie desta conducción dado que temos constituida unha servidume de paso desde os 70, esa zona está chea de eucaliptos de gran porte que están estrangulando esa tubería. Ás veces prodúcense roturas que se resolven por parte da empresa concesionaria, Aquagest, sin que os usuarios se percaten diso, pero temos medo a que calquera día poida haber unha rotura grande nunha época importante de consumo como pode ser o verán xa que nese caso é posible que Ribadeo puidese quedar sen auga en poucas horas. É necesario que toda a conducción estea perfectamente accesible para poder actuar nela en caso dunha continxencia como ocorreu hai 10 ou 12 anos cando un camión rompeu a tubería en Reme e Ribadeo estivo sen auga tres días”.

O rexedor suliñou que “o Concello de Ribadeo, ao igual que fan as empresas de electricidade ou de telefonía que sempre teñen dereito a podar ou a limpar os marxes por onde pasa o seu cableado, quere facer o mesmo coa tubería da auga. Imos expoñer ao público unha serie de planos onde indicamos por onde vai a tubería e que procederemos despois á limpeza, poda e tala desta vexetación que está danando esta tubería principal da auga de Ribadeo. Ímolo expoñer nos boletíns e nos tablóns de anuncios durante 20 días hábiles para que todo aquela persoa que mostre interés lexítimo poida alegar o que estime convinte, dado que unha parte importante desa tubería ven polos terreos da antiga vía do tren de Ribadeo a Vilaodriz, pero hai outra parte que ven por terreos de particulares ou dalgunha institución pública. Nós queremos advertir de boa fé cales son os nosos plans e a nosa situación. Nos consideremos lexitimados para actuar sobre unha cuestión de interés público, de primeira magnitude e no que está en xogo o subministro de auga aos 6.000 abonados cos que conta agora mesmo Ribadeo”.

Exit mobile version