Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo fai un balance moi positivo das actividades cultural da fin de semana

RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, fai un balance moi positivo da fin de semana na que centos de persoas se achegaron a Ribadeo a disfrutar da oferta cultura da vila, do mercado mariñeiro e do ascensor panorámico. Suárez Barcia destaca a recuperación realizada nesa zona do casco vello, pero asegura que aínda quedan cousas por facer como a rehabilitación do barrio de Cabanela.

O rexedor referiuse hoxe “a esta parte da nosa vila de Ribadeo, singularmente á do casco vello que linda co peirao de Porcillán e co peirao deportivo, que ata o momento non estaba suficientemente explotada desde o punto de vista turístico e onde agora da gusto estes días ver como esa zona está a ser elixida para disfrutar polas moitas persoas que nos visitan”.

Fernando Suárez aludiu “á mellora do porto deportivo, pouco máis dun millón de euros que a Xunta está a executar alí e que está nos últimos remates. O proxecto estivo moito tempo bloqueado en Patrimonio e a min como alcalde me honra ter contribuído a que se aceptase dito proxecto que deu lugar a esta obra. Houbo que ter unhas cantas reunións para conseguilo, pero mereceu a pena. Tamén se está a poñer en valor a historia e o pasado marítimo de Ribadeo con esta política municipal de obrigar a adecentar fachadas de edificios, inmobles, limpeza de solares, algo que contribúe a dar un cambio fundamental a esa zona e que perciben os que ata alí se achegan”.

O alcalde ribadense engadiu que “tamén esta fin de semana e a pesares de que foi unha obra controvertida e que o seguirá a ser, o ascensor panorámico estivo a atraer a centos de turistas que queren disfrutar das vistas que lles ofrece e logo tamén coa decisión do Concello de ir diversificando actividades non só na parte alta da vila senón tamén na zona do porto, alí se instalou un novidoso mercado mariñeiro que atraeu a centos de persoas estes días”.

Suárez Barcia considera que “aínda que todo esto son cousas positivas sempre hai que ser ambicioso no que é a inversión pública e a recuperación de espazos públicos. Penso que quedan cousas importantes por facer en toda esa zona. Queda que a Xunta desbloquee o proxecto de rehabilitar o barrio de Cabanela. Xa no anterior bipartito a Xunta adquiriu unha serie de inmobles naquela zona e onde tamén estaban en conversas co Bispado para facerse con dous máis, aínda que a Xunta cambiou agardemos que as negociacións continúen para abrir Ribadeo ao mar e para poñer o casco vello en valor desde o punto de vista turístico e económico, toda vez que agora Costas está a ser sensible e vainos a recuperar o que son as ruínas de Bispo Cebeira. Calquera que veña a Ribadeo e se dea unha volta pola zona do porto notará un cambio para ben e penso que moi importante a xulgar polos comentarios da xente que nestes últimos días está a pasear por esa zona”.

Exit mobile version