Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo notifica aos veciños de solares abandonados que procedan a limpalos

CERVO .- A concelleira de Medio Ambiente de Cervo, Pilar Armada, anunciou hoxe que o Concello procederá nos vindeiros días a enviar notificación aos propietarios de solares e fincas dos principais núcleos de poboación do termino municipal que se atopan en estado de abandono para que procedan á súa limpeza. De non facelo, o Concello recorrerá á execución subsidiaria e despois pasaralles o cargo aos donos en cuestión.

Armada explicou que “desde o Concello estamos recibindo ultimamente un ha serie de queixas de veciños polo estado de abandono no que se atopan fincas e solares situados principalmente nos cascos urbanos e nos núcleos de poboación do concello máis habitados. Por iso, decidimos mandar notificacións sobre limpeza destas fincas, solares e hortos que se atopan en situación de abandono”.

A concelleira sinalou que “aínda que é certo que unha parte importante dos propietarios son consecuentes e rozan as súas fincas, tamén é verdade que hai unha minoría que non se preocupa do estado da súa propiedade e deixa as parcelas a bravo”. A edil cervense contou que hai fincas que “salta á vista” que non están coidadas, “o que se traduce en falla de seguridade pública polo risco de incendio potencial que existe agora na época estival e noutros casos pode desencadear un perigo de salubridade importante debido á proliferación de alimañas e ratos, sobre todo naquelas fincas que están no ámbito urbano e tamén en núcleos rurais; ademais, claro está, do mal efecto visual que produce unha finca nesas condicións”.

A responsable de Medio Ambiente recalcou que os donos das propiedades, “ademais de teren dereitos, teñen tamén obrigas que cumprir coma todo o mundo. De non ser así, é dicir si os propietarios fan caso omiso a estas notificacións, o Concello poderá incoar unha serie de expedientes para multas coercitivas e chegará á execución subsidiaria facéndoo o Concello pola súa propia conta e despois pasaralle o cargo ao propietario en cuestión”.

Nas notificacións que se enviarán desde o Concello lembraráselles aos propietarios de terreos mantelos mesmos en condicións de funcionalidade, seguridade, salubridade, ornato público e habitabilidade, segundo o seu destino e de acordo coas normas de protección do medio ambiente, do patrimonio histórico e da rehabilitación.

Armada asegurou que “non queremos chegar a esa situación, queremos que todo o mundo se responsabilice das súas propiedades e confío en que a xente sexa razoable, tal e como o están a facer xa moitos que chaman para preguntar como poden facelo e os pasos a seguir”.

Exit mobile version