Noata de Prensa
Os traballos desenvólvense na travesía entre as rúas Once, Trece e a rúa de acceso á urbanización
ALFONSO VILLARES SUPERVISA AS OBRAS DE ACONDICIONAMENTO QUE ACOMETE O CONCELLO EN VARIAS RÚAS DE RÍO COBO
* Esta actuación faise ao abeiro do convenio subscrito na primavera pasada entre o Goberno local e o Instituto Galego da Vivenda e Solo
Cervo, 18 de agosto de 2010.- O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, supervisou na tarde de onte os traballos que se está a desenvolver o Concello para a mellora de accesibilidade e acondicionamento das rúas Once e Trece da urbanización de Río Cobo.
Esta actuación é posible grazas ao convenio subscrito no mes de abril entre o Concello de Cervo e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) mediante o cal o Goberno cervense cedeu a propiedade do inmoble de titularidade municipal na promoción de 14 vivendas sociais adxudicadas o pasado marzo nesta urbanización a cambio dunha compensación económica de 106.000 euros ás arcas municipais e de que o devandito inmoble lle fora concedido á persoa que quedou no posto número 15 da lista de demandantes nesta promoción de vivenda pública.
Segundo dixo alcalde, ademais do adecentamento da contorna destas rúas, as obras perseguen un obxectivo moito máis importante: a eliminación das barreiras arquitectónicas que tiñan estas rúas. “Era unha actuación que dende hai tempo tiñamos en mente e que era moi demandada polos veciños da zona. Agora, con estes traballos, conseguiremos dotar dunha mellor accesibilidade ás vivendas destas rúas, ao tempo que renovaremos o seu pavimento” sinalou o alcalde.
Alfonso Villares indicou tamén que esta actuación forma parte dunha serie de investimentos no núcleo de poboación de Río Cobo tendentes a solventar as eivas derivadas do paso do tempo nas infraestruturas desta urbanización. “Así o levamos facendo nos últimos anos con obras coma as de renovación do alumeado público, ou a xestión feita dende o Concello para que as vivendas desta urbanización podan contar tamén co servizo de gas cidade” salientou o rexedor.
Así mesmo, sinalou que o convenio subscrito co IGVS permitirá tamén realizar obras de adecuación e adecentamento noutras rúas e vías do municipio. “Pensamos que este acordo é beneficiosos para o concello porque, por un lado, asegurámonos que un veciño do municipio opte a unha nova vivenda de promoción pública, e por outra banda, o Concello pode afrontar a realización dunha serie de melloras en infraestruturas viarias municipais moi necesarias e moi demandadas polos veciños… Pretendemos, en definitiva, seguir na liña de mellora e acondicionamento das infraestruturas básicas do noso municipio porque estamos convencidos de que sempre é bo traballar e priorizar en conseguir investimentos que sexan realmente beneficiosos e rendibles para o conxunto dos cidadáns. Por iso, temos o compromiso de seguir traballando nesta liña e continuar poñendo os piares dunhas infraestruturas básicas que nos permitan seguir medrando dun xeito harmónico e con garantías de futuro para o conxunto dos cervenses” rematou o alcalde.