Nota de Prensa
HOXE ABREUSE O TRAMO DA RÚA BEIRAMAR DE SAN CIPRIÁN QUE PERMANECÍA PECHADO POR MOR DAS OBRAS DE SANEAMENTO
o O alcalde de Cervo asegura que o Concello está a facer un seguimento continuo da evolución dos traballos desta infraestrutura básica para a vila
Cervo, 11 de agosto de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, informou que esta mañá operarios da empresa encargada dos traballos de construción da nova rede de saneamento de San Ciprián habilitaron novamente o tramo da rúa Beiramar que permanecía parcialmente pechado por mor destas obras.
O rexedor lembrou así mesmo que en días pasados, “e tal e como nos comprometiamos hai un mes”, se abriu ao uso público a zona de xogos do Parque Reina Sofía, que tamén permanecera pechada durante un tempo debido a estes traballos.
Segundo lembrou Villares, desde o Concello estase a facer un seguimento continuo destes traballos para que na medida do posible causen “as menores molestias aos veciños, se ben esta é una actuación de tal envergadura que necesita obrigatoriamente un espacio físico considerable para poder levar adiante as obras” puntualizou.
O alcalde sinalou que o Goberno local esta a volcar unha boa parte da súa xestión nesta actuación “de servizos e infraestruturas básicas para San Ciprián” e adiantou que, segundo as informacións proporcionadas polos responsables das obras, os traballos do novo saneamento de San Ciprián podería estar rematado antes de que finalice o presente ano 2010, se ben recordou que dita obra tiña que estar acabada hai tres anos, “pero non puido ser así polos atrancos postos por algunhas administracións gobernadas naquel momento por certas formacións políticas”.
OBRAS A BO RITMO
O alcalde sinalou que as obras do novo saneamento de San Ciprián estanse desenvolvendo cunha gran profesionalidade. Neste senso recordou que a rede de colectores xa está rematada e tamén se levou a cabo o asfaltado das zonas por onde discorren as novas canalizacións. Así mesmo se instalaron os tramos de rede que pasan por terreos de competencia de Feve e actualmente os traballos céntranse na construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (no polígono de Cuíña) e no soterrado do tanque de tormentas, no Parque Reina Sofía.
Por último, Villares quixo agradecer a comprensión dos veciños de San Ciprián nestes últimos meses “nos cales sei de sobra que non é doado circular pola vila, debido precisamente a estas obras e tamén a outras coma a canalización do gas cidade, pero estamos seguros que comprenden que estes inconvenientes son o prezo que hai que pagar se queremos dispoñer no pobo dunhas infraestruturas acordes cos tempos actuais”.
DATOS DAS OBRAS DE SANEAMENTO DE SAN CIPRIÁN:
* Presuposto: 4.854.391 euros
* Empresa adxudicataria: UTE Extraco-Gia
* Inicio das obras: Finais de agosto de 2009
* Traballos a realizar: As obras consisten basicamente no seguinte:
o COLECTORES (rede de tubaxes):
+ Construción dun tanque de tormentas soterrado no Paseo da Ría de 400 m3 de capacidade de retención, desde o que se realizará a impulsión xeral das augas residuais do núcleo de San Ciprián cara ao polígono industrial de Cuiña onde se construirá a EDAR.
+ A lonxitude desta rede de impulsión é de 1.272,75 metros e o sistema de bombeo dispón de tres bombas deseñadas para un caudal total de 66 litros/segundo.
+ Construción dun pozo de bombeo na zona do porto e instalación dunha tubaxe de impulsión até a rede xeral co obxecto de conducir as augas residuais desa área ata o tanque de tormentas. Esta estación de bombeo dispón de dúas bombas cun caudal unitario de 6,3 litros/segundo.
+ Construción dun colector de 78 m. de lonxitude para recoller as verteduras da península e levalos até o pozo de bombeo ubicado no porto.
+ Construción dun pozo de bombeo en Cubelas e instalación dunha tubaxe de impulsión até a rede existente, para a condución das augas residuais ao novo tanque de tormentas do paseo da Ría. A lonxitude desta tubaxe de impulsión é de 39,6 m. e estación de bombeo dispón de dúas bombas cun caudal unitario de 2,72 litros/segundo.
+ Ademais destas actuacións anteriormente citadas existen outras que conformarán a rede secundaria como son a construción de dous colectores (un para completar o saneamento de San Ciprián de 308 m. de lonxitude e outro para recoller as augas pluviais de 162 m. de lonxitude), e a conexión da rede de saneamento de polígono de Cuíña co colector xeral á EDAR.
o EDAR:
+ Situarase no polígono de Cuiña. Nesta instalación depurásense as augas do núcleo urbano de San Ciprián e do polígono de Cuiña, isto representa un total de 8.000 habitantes equivalentes. O seu caudal medio de tratamento será de 79,23 m3/h.
+ A liña de tratamento da auga consistirá nuns sistemas de recepción das augas, de pretratamento, tanques de tormenta e un tratamento biolóxico para a eliminación de nitróxeno e fósforo, ademais dun tratamento da liña de lodos ata conseguir o secado dos mesmos nun 75%.