Nota de Prensa
O CONCELLO CUSTEARÁ O PERSOAL QUE SE FARÁ CARGO DO COMEDOR ESCOLAR E ORGANIZA ACTIVIDADES PARA OS ALUMNOS POLAS TARDES, SEGUNDO ANUNCIABA HOXE O ALCALDE.
Burela, 26 de agosto de 2010. O Concello custeará as 8 auxiliares que traballarán no comedor escolar durante o vindeiro curso e tamén as actividades extraescolares, segundo anunciaba esta mañá Alfredo Llano. O alcalde e a concelleira de Educación, Lucía Bouza, mantiveron nas últimas horas un encontro coas dirección dos centros de primaria de Burela.
O rexedor explicou que “onte tivemos unha reunión cos directores dos dous colexios de primaria, Vista Alegre e Virxe do Carme, e repasamos as necesidades e as previsións que hai para este curso. E chegamos á conclusión de que o Concello vai colaborar coa contratación de 8 auxiliares de comedor, como fixemos nos últimos anos. Esto permite que os pais poidan compatibilizar perfectamente o traballo co horario escolar. Aportamos 8 auxiliares, que é unha boa cifra para garantir que estea perfectamente atendido o comedor”.
Alfredo Llano engadiu que “tamén estivemos falando das actividades extraescolares, que este ano serán gratuitas de novo e ofertaranse a través do Concello con moita diversidade. Tamén é unha garantía para que os rapaces estean unhas horas nos colexios, ata as cinco e media da tarde. Imos manter tamén o servizo de piscina, que consideramos importante é demandado polos pais e os alumnos”.
O alcalde burelés subliñou que “aínda que supón un sacrificio económico importante para o Concello consideramos que vai ben empregado, tanto nos auxiliares de comedor, como nas actividades extraescolares e no servizo de pisicna. Por tanto consideramos que é unha boa axuda para que os nosos colexios oferten, como ben sendo habitual, o mellor de si para que os alumnos e os pais estean contentos”.