Nota de Prensa
AUTORÍA FOTO: Carlos Echevarría (Final XIX Copa Galicia-Ourense 2009)
O BURELA FS FEMININO VENCE O CIDADE DAS BURGAS (2-1) NA PRIMEIRA CITA DA PRETEMPADA
O Burela FSF Pescados Rubén saíu airoso do seu primeiro asalto da pretempada vencendo por 2-1 ao Cidade das Burgas, na Semana Eypar de Melide.
Nun encontro sen sorpresas e coas imprecisións habituais do comezo da pretempada, onte foron as burelistas as que se adiantaron no marcador cunha xogada de estratexia dende o córner que finalizou Ro. Non obstante, as ourensás recortaron a distancia antes do descanso; a dous minutos do asubío chegou o empate dende un saque de banda.
Co comezo da segunda parte, as laranxas fóronse atopando máis cómodas na pista, o que tamén repercutiu na mellora do xogo. No minuto 24 e coa acumulación de 5 faltas, Pardeiro optou pola saída de Dolo como porteira-xogadora. Cuchi foi a encargada de devolverlles a vantaxe ás mariñás (2-1), a tres minutos do final.