NOTA DE PRENSA:
O BNG PIDE QUE COMECEN A FUNCIONAR AS RESIDENCIAS DE “SOGASERSO”
Carlos Aymerich asegura que a paralización das residencias responde “a teima do PP por borrar o labor dos nacionalistas nos servizos sociais”
Santiago de Compostela, 11 de agosto, 2010. O portavoz do g.p do BNG, Carlos Aymerich rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego dirixida ao Goberno de Galiza sobre as previsións de apertura das residencias de SOGASERSO nas localidades de: Monforte, Vimianzo, Ourense e Viveiro que levan que permanecen pechas, a pesar de estar concluídas dende hai 15 meses.
Para o nacionalista, isto só responde “a teima do Partido popular por borrar calquera pegada dos nacionalistas en materia de servizos sociais e a incapacidade de xestión amosada pola Xunta do PP”.
Aymerich explica que, trala venda da partición da Xunta (45%) en SOGASERSO, foron publicadas as resolucións que recollían a licitación por concurso aberto e urxente da “reserva de ocupación” nas residencias de Monforte, Vimianzo, Viveiro e Ourense.
O portavoz do BNG sinala que a propia conselleira Beatriz Mato, o 21 de xullo, declarou que este concurso “era un mero trámite para que SOGASERSO iniciara a xestións das devanditas residencias”.
Ante a paralización da posta en marcha das residencias, o parlamentario do BNG pregunta polas medidas que vai adoptar a Xunta para garantir o funcionamento de todos os servizos, así como os dos centros de día e atención a pacientes con Alzheimer.