Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG homenaxea o sábado na praia da Abrela aos represaliados no Vicedo

NOTA DE PRENSA
28 veciños deste Concello foron victimas da dictadura franquista.

O BNG homenaxea o Sábado na Praia da Abrela aos represaliados no Vicedo.

O Bloque Nacionalista Galego organiza o vindeiro Sábado 28 de Agosto ás 20:00 h na Praia da Abrela unha homenaxe aos represaliados de Vicedo pola súa defensa da legalidade republicana e dos ideais democráticos.

Os nacionalistas pretenden con este acto no que farán uso da palabra Susana Riveira (Portavoz Local do BNG) e Antonio Veiga (Responsábel–Comarcal do BNG) celebrar na comarca unha actividade xa tradicional no calendario político do BNG como é o Día da Galiza Mártir. No acto colocarase unha placa en lembranza dos represaliados de Vicedo, sob o lema de “ Na memoria dos demócratas e dos republicanos do Vicedo”.

O Día de Galiza Mártir que este ano celebramos en Vicedo pretende ser un acto de desagravio para todos aqueles que loitaron pola democracia pero tamén un exercicio contra a desmemoria desde a consideración que non pode haber reconciliación desde o esquecemento . A convocatoria deste ano, como en anteriores ocasións soborda o ámbito local, e xa que logo ven ser unha homenaxe ao conxunto dos mariñáns que loitaron por unha sociedade máis xusta.

O BNG no seu acto do Sábado vai homenaxear ao conxunto dos represaliados do Vicedo así como aqueles militantes da Guerrilla Anti-Franquista da zona de Ferrol e da Mariña que abandonaron Galiza rumo ao exilio francés no barco “Santa Teresa” en decembro de 1946 cunha expedición que partiu da propia Praia da Abrela e que rematou en Baiona.

Os guerrilleiros que abandonaron Galiza desde a praia de Abrela foron Antonio Paleo Saavedra (San Cibrao-Cervo), Eusebio González Pedreira(Viveiro), Ramón Chaves(Viveiro), Vicente Lage “O Chicharro”(Viveiro), José Antonio Franco “O Manchego” ou “O Caudillo”(Viveiro), Domingo Villar Torres(Viveiro), Ramón Vizoso(Viveiro), e os cataláns Evaristo Candelas “O Evaristo” e Antonio Molíns “O Noi. A este grupo que operaba na área da Mariña Occidental sumóuselle na fuxida o denominado “grupo de Ferrol” do que facían parte Evaristo Eive Vilar, Amador Barcia Fernández “Xicos”, Antonio Vilar, Eugenio Vilar Pereira, Manuel Piñeiro, Manuel Vilar Pazos e Manuel Rodríguez Pérez “Galán”.

Tamén van estar presente nesta homenaxe aos máis de 28 veciños e naturais de Vicedo do que temos constancia que sufriron pola súa ideoloxía e por defender os valores da democracia fronte ao fascismo. Neste sentido hai que destacar que aparecen como vítimas da previsión veciños de case a totalidade das parroquias do Vicedo e mesmo algúns naturais deste Concello como Luís Trigo “O Gardarríos”, que residía en Mondoñedo.

A recuperación de toda a experiencia democrática do período republicano, non é para os nacionalistas galegos unha concesión á moda do momento que se que quede en anos máis ou menos rimbombantes, nin moito menos un exercicio de oportunismo político, o BNG considera fundamenta pór en valor este período como contribución a unha sociedade sa democraticamente, como apartación ao résgate da memoria histórica e como panca que permita construír unha Galiza máis libre e socialmente máis xusta.

Xa por último o Bloque Nacionalista Galego quere convocar a todos os veciños da Mariña e de Ourol a participar deste acto de homenaxe.

Anexase noutro arquivo relación de todos os veciños do Vicedo represaliados polo franquismo.

Asemade remítese copia da foto dos guerrilleiros escapados no Santa Teresa antes de tomar destino a Francia.

Antonio Piñón García

Prisión

Home de 27 anos, Mineiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza:
Antonio Piñón García

, O Vicedo (Lugo)

Previamente fuxido. Xulgado por auxilio á rebelión co resultado de sentenza a prisión 12 anos.

Antonio Fernández Iglesias

Proceso

Home de 22 anos, Mariñeiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Val-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Causa aberta en Ferrol por deserción (non se ter presentado a filas) declarado fuxido e en rebeldía

Arsenio Doval

Proceso

Home de 24 anos, Labrego/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Riobarba,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por auxilio á  rebelión co resultado de sobresemento provisional e multa de 200 ptas. a pagar en 24 horas.

Constantino Piñón Rolle

Prisión

Home de 23 anos, Xornaleiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Suegos-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado en Ferrol por deserción (causa instruída contra os que non se presentaron a filas do distrito de Viveiro) co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía. Preséntase en maio 1939, prisión 4 anos. Aplicado o indulto de outubro do 39, libre

Daniel Fanego Lorenzo

Prisión

Home de 23 anos, Mineiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: San Román-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)
Tamén de profesión mariñeiro

Xulgado en Viveiro por deserción (estivera fuxido) co resultado de sentencia prisión 4 anos e denegación do indulto en 1940

Dorindo Leiras Fernández

Proceso

Home de 23 anos, Labrego/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: San Román do Val-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado en Ferrol por deserción (causa instruída contra os que non se presentaron a filas do distrito de Viveiro) co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía. Detido o 08/07/37 e sobresemento provisional

Dositeo Fernández Vales

Prisión

Home de 25 anos, Mariñeiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por deserción (instruída contra varios por rebelión militar e ataque a man armada) co resultado de sentencia prisión 4 anos. Aplicado o indulto de outubro do 1939 queda en liberdade

Francisco Martínez Oca

Prisión

Home de 25 anos, Ferreiro/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza:
Viveiro

Xulgado por auxilio á  rebelión co resultado de sentenza a prisión 15 anos.

Francisco Dovale Martínez

Prisión

Home de 21 anos, Mariñeiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por deserción (iinstruída contra varios por rebelión militar e ataque a man armada) co resultado de sentencia prisión 1 ano. Indultado en outubro do 1939 e queda en liberdade

José Fanego Cao

Proceso

Home de 24 anos, Chofer
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Riobarba,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por traizón co resultado de sobresemento provisional e multa de 250 ptas. a pagar en 24 horas.

José Fernández Rolle

Proceso

Home de 23 anos, Xornaleiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Suegos-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)
Traballara nas minas en Viveiro

Xulgado en Ferrol por deserción (causa instruída contra os que non se presentaron a filas do distrito de Viveiro) co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía

José Parapar García

Proceso

Home de 23 anos, Militar
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)
Mariño do “Jaime I”

Causa aberta en Ferrol por rebelión (contra mariñeiros e fogoneiros do acoirazado “Jaime I”) co resultado sobresemento provisional. Tamén causa aberta por deserción

José Antonio Vilar Baltar

Proceso

Home de 23 anos, Xornaleiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Mosende-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado en Ferrol por deserción (causa instruída contra os que non se presentaron a filas do distrito de Viveiro) co resultado de ser declarado fuxido e en rebeldía. Detido en xuño do 1939. Sobresemento provisional e en liberdade provisional

José Antonio Villar Baltar

Prisión

Home de 25 anos, Labrego/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Mosende-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por deserción e rebelión (instruída contra varios por rebelión militar e ataque a man armada) co resultado de sentencia prisión 16 anos. Liberdade condicional en novembro do 1941 e licenciamento definitivo en 1953

Laureano Timiraos Rey

Prisión

Home de 25 anos, Labrego/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Mosende-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por deserción e rebelión (instruída contra varios por rebelión militar e ataque a man armada) co resultado de sentencia prisión 16 anos. Liberdade condicional en novembro do 1941 e licenciamento definitivo en 1953

Luciano Pérez Riveira

Prisión

Home de 40 anos, Comerciante
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Riobarba,
O Vicedo (Lugo)
Alcalde do Vicedo

Xulgado por auxilio á  rebelión co resultado de sentenza a prisión 12 anos. Nunha causa anterior fora declarado en rebeldía e fóranlle incautados os bens.

Luis Trigo Chao “Gardarríos”

Proceso

Home de 51 anos, Empregado/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Cabana-Riobarba,
O Vicedo (Lugo)
PSOE, Garda-ríos da Sociedade Venatoria Provincial en Mondoñedo.

Xulgado por rebelión co resultado de declaración en rebeldía. Lider guerrilleiro. Morte en Lourenzá  en enfrontamento coas forzas franquistas nos anos corenta.

Manuel Cora Rolle

Prisión

Home de 23 anos, Xornaleiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Mosende-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de sentenza a 16 anos de prisión. Previamente fuxido e en rebeldía.

Manuel Fanego Fernández

Proceso

Home de 23 anos, Mariñeiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Suegos-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado en Viveiro por deserción co resultado de sentencia prisión 6 anos. Indultado no 1939 e integrado no servizo de mariñeiría de segunda

Manuel Martínez Timiraos

Prisión

Home de 25 anos, Xornaleiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: San Román do Val-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Fuxido dous anos dende xuño do 1937 a maio do 1939. Xulgado en Ferrol por deserción (non se ter presentado a filas) co resultado de sentencia prisión 6 anos

Manuel Piñón Valella

Outras tipoloxías represivas

Home de 27 anos, Mariñeiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Fixo a guerra na zona republicana. Clasificado dubidoso, enviado a un batallón de traballadores.

Maximino Lage Rolles

Prisión

Home de 23 anos, Labrego/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Mosende-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por deserción e rebelión (instruída contra varios por rebelión militar e ataque a man armada) co resultado de sentencia prisión 16 anos. Liberdade condicional en novembro do 1941 e licenciamento definitivo en 1953

Modesto Riveira Dovale

Prisión

Home de 25 anos, Mariñeiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: San Román,
O Vicedo (Lugo)

Fuxido. Preséntase en 1940. Xulgado en Ferrol por deserción co restulado de sentenza a 6 anos de prisión e multado con 250 pesetas.

Modesto Bellas Giz

Prisión

Home de 28 anos, Labrego/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Mañón,
Mañón

Xulgado en Ferrol por rebelión co resultado de sentenza a 15 anos de prisión.

Orencio Martínez Fanego

Proceso

Home de 20 anos, Labrego/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Riobarba,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por traizón co resultado de sobresemento provisional e multa de 250 ptas. a pagar en 24 horas.

Ramón Martínez Fanego

Prisión

Home de 25 anos, Labrego/a
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Mosende-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por deserción e rebelión (instruída contra varios por rebelión militar e ataque a man armada) co resultado de sentencia prisión 16 anos. Liberdade condicional en novembro do 1941 e licenciamento definitivo en 1953

Remedios Fernández López

Proceso

Muller de 40 anos, Traballo na casa
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: A Coruña,
A Coruña

Xulgada na Coruña por rebelión co resultado de sobresemento e posta a disposición da autoridade gobernativa.

Servando Rolle Escourido

Prisión

Home de 21 anos, Mariñeiro
Natural de
O Vicedo (Lugo)
Veciñanza: Suegos-Riobarba-O Vicedo,
O Vicedo (Lugo)

Xulgado por deserción (instruída contra varios por rebelión militar e ataque a man armada) co resultado de sentencia prisión 4 anos. Indulto en outubro do 1939

Exit mobile version