Nota de Prensa
No acto darase lectura a un texto do antifranquista Antonio Paleo, desde o exilio francés, sobre a fuga do Santa Teresa..
O BNG homenaxea o Sábado na Praia da Abrela aos represaliados no Vicedo.
O Bloque Nacionalista Galego organiza o vindeiro Sábado 28 de Agosto ás 20:00 h na Praia da Abrela unha homenaxe aos represaliados de Vicedo pola súa defensa da legalidade republicana e dos ideais democráticos. Neste sentido queremos reiterar o noso convite ao conxunto dos veciños do Vicedo e da Mariña para que participen deste acto, no que contaremos coa presenza de familiares tanto dos represaliados de Vicedo como dalgúns dos guerrilleiros fuxidos no Santa Teresa
Os nacionalistas pretenden con este acto no que farán uso da palabra Susana Riveira (Portavoz Local do BNG) e Antonio Veiga (Responsábel-Comarcal do BNG) celebrar na comarca unha actividade xa tradicional no calendario político do BNG como é o Día da Galiza Mártir. No acto colocarase unha placa en lembranza dos represaliados de Vicedo, sob o lema de ” Na memoria dos demócratas e dos republicanos do Vicedo”.Asemade darase lectura a un texto do guerrilleiro de San Cibrao, fuxido no Santa Teresa e morto vai para catro anos no exilio francés, Antonio Paleo onde se sumaba aos actos de reivindicación da memoria dos loitadores antifranquistas.
O Día de Galiza Mártir que este ano celebramos en Vicedo pretende ser un acto de desagravio para todos aqueles que loitaron pola democracia pero tamén un exercicio contra a desmemoria desde a consideración que non pode haber reconciliación desde o esquecemento . A convocatoria deste ano, como en anteriores ocasións soborda o ámbito local, e xa que logo ven ser unha homenaxe ao conxunto dos mariñáns que loitaron por unha sociedade máis xusta.
O BNG no seu acto do Sábado vai homenaxear ao conxunto dos represaliados do Vicedo así como aqueles militantes da Guerrilla Anti-Franquista da zona de Ferrol e da Mariña que abandonaron Galiza rumo ao exilio francés no barco “Santa Teresa” en decembro de 1946 cunha expedición que partiu da propia Praia da Abrela e que rematou en Baiona.
Os guerrilleiros que abandonaron Galiza desde a praia de Abrela foron Antonio Paleo Saavedra (San Cibrao-Cervo), Eusebio González Pedreira(Viveiro), Ramón Chaves(Viveiro), Vicente Lage “O Chicharro”(Viveiro), José Antonio Franco “O Manchego” ou “O Caudillo”(Viveiro), Domingo Villar Torres(Viveiro), Ramón Vizoso(Viveiro), e os cataláns Evaristo Candelas “O Evaristo” e Antonio Molíns “O Noi. A este grupo que operaba na área da Mariña Occidental sumóuselle na fuxida o denominado “grupo de Ferrol” do que facían parte Evaristo Eive Vilar, Amador Barcia Fernández “Xicos”, Antonio Vilar, Eugenio Vilar Pereira, Manuel Piñeiro, Manuel Vilar Pazos e Manuel Rodríguez Pérez “Galán”.
Tamén van estar presente nesta homenaxe aos máis de 28 veciños e naturais de Vicedo do que temos constancia que sufriron pola súa ideoloxía e por defender os valores da democracia fronte ao fascismo. Neste sentido hai que destacar que aparecen como vítimas da previsión veciños de case a totalidade das parroquias do Vicedo e mesmo algúns naturais deste Concello como Luís Trigo “O Gardarríos”, que residía en Mondoñedo.
A recuperación de toda a experiencia democrática do período republicano, non é para os nacionalistas galegos unha concesión á moda do momento que se que quede en anos máis ou menos rimbombantes, nin moito menos un exercicio de oportunismo político, o BNG considera fundamenta pór en valor este período como contribución a unha sociedade sa democraticamente, como apartación ao résgate da memoria histórica e como panca que permita construír unha Galiza máis libre e socialmente máis xusta.
Xa por último o Bloque Nacionalista Galego quere convocar a todos os veciños da Mariña e do Vicedo a participar deste acto de homenaxe.