Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo asegura que hai vertidos de augas residuais no paseo marítimo da Caosa en San Cibrao

Nota de Prensa

O BNG DENUNCIA VERTIDOS DE AUGAS RESIDUAIS NO PASEO MARÍTIMO DA CAOSA EN SAN CIBRAO

Os nacionalistas xa pediron ao goberno local actuacións fai mais de dous anos sen que  tomara ningunha medida ao respecto
O BNG demandou unha vez mais actuacións ao goberno local para corrixir a situación

Cervo, 18 de agosto de 2010. O BNG denunciou vertidos de augas residuais no paseo marítimo da Caosa en San Cibrao que levan producíndose dende fai mais de dous anos sen que o goberno local tome ningunha medida para evitalos. Segundo os nacionalistas esta situación xa e vella e fai moito tempo que o goberno local foi advertido sen que corrixira o problema que ademais de verse a simple vista causa malos olores especialmente no verán. O BNG demandou unha vez mais ao goberno local actuacións para corrixir a situación.

Unha situación que perdura a pesar de que fai varios anos se executaron obras no saneamento en rúas paralelas e na Praza do Lugar.
O BNG xa advertiu ao goberno local fai dous anos da existencia de filtracións de augas residuais ao paseo que bordea o sur da península de San Cibrao dende a praia da Caosa até a de Cubelas sen que se tomara ningunha medida correctora. Os nacionalistas destacaron que estas filtracións que son visíbeis a simple vista e causan malos olores, especialmente no verán, veñen producíndose curiosamente dende que o concello executou obras de reposición do saneamento nas rúas paralelas ao paseo. Segundo o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa García, “o BNG xa pediu fai dous anos ao goberno municipal que actuara para evitar os vertidos e aínda estamos agardando”, segundo denunciou Estúa, “son visíbeis tres puntos de vertido ao longo de 50mts. e non son vertidos de augas pluviais polo cheiro que producen especialmente no verán.”
Os nacionalistas demandan actuacións para evitar a situación que deteriora a imaxe do concello.
O BNG volveu demandar do goberno local que revise a infraestrutura de saneamento na zona e corrixa a situación, “evidentemente ou hai algunha rotura na rede ou hai algunha tubaria que non foi conectada cando se cambiaron as redes de saneamento na zona, o que non pode facer un goberno responsábel e mirar cara outro lado e esquecer o problema como o ven facendo o goberno local dende fai anos”. Segundo Estúa ao alcalde Alfonso Villares, preocúpalle mais buscar puntos de fricción coas administracións que non son da súa cor política que amañar os problemas da súa propia casa e así nos vai”.

Exit mobile version