NOTA DE PRENSA
O BNG DE BARREIROS PEDIRÁ NO CONCELLO E NA CONSELLERÍA DE CULTURA A APERTURA DUNHA INVESTIGACIÓN PARA CLAREXAR O DERRIBO DUN HÓRREO EN POUPARÍN NA PARROQUIA DE SAN MIGUEL.
Barreiros, 6 de agosto de 2010. O BNG pedirá no Concello e na Consellería de Cultura a apertura dunha investigación para clarexar o derribo dun hórreo en Pouparín na parroquia de San Miguel.
Desde a Asamblea Local do BNG sinalan que “estamos facéndonos eco das demandas dos veciños de San Miguel que están fondamente preocupados porque viron como con toda impunidade se derribada un hórreo na zona de Pouparín. Para os veciños e para o BNG a defensa do patrimonio material ten que estar por enriba de todo e neste caso do patrimonio etnográfico, por iso nos imos dirixir ao Concello para que nos diga porque se destruiu este hórreo ou quen causo ese derribo”.
Para o BNG “non é de recibo que día tras día se estean cometendo atentados ao noso patrimonio sen o máis mínimo rubor e neste caso por parte da administración pública porque hai que recordar que este hórreo estaba situado en terreos propiedade do Concello, os terreos que procedían da cesión dunha empresa urbanizadora que construiu ao lado. Polo tanto o Concello que é dono de algo que estaba neses terreos terá que explicar o acontecido, ademáis o artigo 54 da lei do patrimonio de Galicia di que quen debe conservar, protexer e velar pola conservación dos bens inventariados, e os hórreos de Barreiros están inventariados coma todo o seu patrimonio etnográfico desde a década dos 90, é en primeira instancia o Concello e en segunda a Consellería de Cultura. Tanto a unha institución como á outra chegarán os nosos escritos notificando o ocorrido e para que se abran as pertinentes investigación”.
Os nacionalistas barreirenses manifestaron que “non pasamos porque nos destrúan o noso patrimonio, desde logo que ten que haber unha posición en firme por parte do pobo de Barreiros, neste caso por parte do pobo de San Miguel. Por iso non van pasar nin os veciños nin o BNG e apelamos tamén á sensibilidade que sempre tivo este pobo de San Miguel sobre todo na recuperación dunha parte do noso patrimonio inmaterial como é a recuperación do folclore, pero iso non se entendería se non fose acompañado tamén da preservación do patrimonio material porque o noso patrimonio inmaterial (lendas, cantigas, etc…) arrinca á sombra de moitos cruceiros, de moitos hórreos, de moitas fontes ou de moitos muiños.