Site icon Crónica3.com A Mariña

O barco Muralla de Lugo, agora “fondeado” en Muras, xa recibiu máis de 4 mil visitas

Nota de Prensa

Máis de 4.000 persoas visitan o Barco Muralla de Lugo nunha semana

– A embarcación da Deputación, única en España, fondea xa en Muras onde permanecerá á carón do pavillón deportivo desta localidade ata o día 12

– A aula-barco poñerá en valor a costa lucense e promocionará a riqueza medioambiental da provincia en Meira, Portomarín, Bretoña, Mosteiro e Vilalba

Un total de 4.095 persoas coñeceron o Barco Muralla de Lugo nos primeiros días de agosto. Desta cantidade, 610 visitárono durante a súa estancia en A Pontenova o pasado día 1; 1.040 fixérono en Burela os días 3 e 4; mentras que 2.445 descubrírono en Castro Riberas de Lea durante as patronais da localidade chairega que se celebraron dende o 6 ó 9 de agosto. A embarcación da Deputación, única en España, continúa poñendo en valor a costa lucense, e promocionando a riqueza medioambiental da provincia e a Muralla lucense. Deste xeito, este mércores chegou a Muras onde permanecerá á carón do polideportivo ata o 12 de agosto. O horario de atención será de 11:00 horas ás 17:00 horas.

A aula turístico-medioambiental seguirá durante todo o mes “surcando” as estradas lucenses para estar presente como “stand” da provincia en feiras e festas, contribuíndo á comercialización dos produtos autóctonos lucenses, e aproveitando a visita de centos de persoas a Lugo. Deste xeito, estará presente: nas patronais de Meira dende o 14 ó 16 de agosto; en Portomarín o 18; nos festexos de Bretoña dende o 20 ó 22; na festividade do Emigrante de Mosteiro o 24; e no San Ramón de Vilalba dende o 28.

O Barco Muralla de Lugo inclúese dentro da liña de actuación do programa Lug02, dotada con 950.000 euros e co-financiada ó 70% pola Unión Europea, e engádese ás tres Aulas da Natureza que o organismo provincial está a poñer en marcha en Folgoso do Courel, Guitiriz e Fonsagrada dentro do programa medioambiental. O seu interior está dotado con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico que doaron as confrarías de pescadores da Mariña e o Concello de Viveiro. Durante o seu percorrido pola xeografía española, distribuiranse 10.000 dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.

Exit mobile version