Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo cualificou de “éxito total” as festas da fin de semana no concello

NOTA DE PRENSA:
ALFONSO VILLARES CUALIFICOU DE “ÉXITO TOTAL” AS CELEBRACIÓNS QUE ENCHERON DE XENTE O CONCELLO DURANTE TODA A FIN DE SEMANA

*

O rexedor deulle a noraboa á S.D. Cervo-Sargadelos, a “Amigos da Maruxaina” e ás comisións de festas do Carme de San Ciprián e do San Roque de Cervo polo seu traballo na organización destes eventos
*

Tamén agradeceu o traballo desenvolvido polos traballadores municipais e a colaboración prestada polas distintas forzas de Seguridade que colaboraron coa Policía Local para garantir “unhas festas onde só primou o bo ambiente”

Cervo, 17 de agosto de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, fixo no día de hoxe un balance positivo dos distintos eventos festivos que tiveron lugar este fin de semana no concello “e que se caracterizaron por unha afluencia masiva de visitantes ás localidades de Cervo e San Ciprián” recalcou o rexedor.

Villares aproveitou para felicitar aos organizadores da festa do Ovo Frito (que tivo lugar o pasado venres), da XXV edición da Maruxaina (celebrada o sábado pasado); e das festas Patronais de Cervo na honra a San Roque (festexos que comezaron o domingo e rematan hoxe) polo éxito acadado, e aproveitou para facer extensiva esta noraboa a tódolos veciños e participantes que se achegaron a estas vilas “porque foron unhas festas nas que non houbo que lamentar ningún problema de seguridade e que se caracterizaron polo inmellorable ambiente festivo, que é o realmente importante”.

O alcalde tamén agradeceu o traballo desenvolvido “antes, durante e despois” destas celebracións polos traballadores dos distintos servizos municipais do Concello de Cervo. “Hai que salientar a labor da Policía Local; de Protección Civil; do Servizo de Augas e do de Obras; e tamén a tódolos traballadores que participaron nos magníficos traballos de limpeza que tiveron lugar nas dúas vilas o día despois de cada unha das celebracións”. Por último, o primeiro edil cervense tamén quixo agradecer a colaboración prestada pola Garda Civil e a Policía Autonómica, que despregaron os seus dispositivos nestas celebracións. “Estamos moi agradecidos tanto ao corpo da Garda Civil coma á Consellería da Presidencia, que coma novidade este ano destinou efectivos da Policía Autonómica nas nosas festas, o que contribuíu a garantir a seguridade cidadá nestes días”.

En opinión do alcalde de Cervo, unha vez rematados estes festexos “queda ese bo sabor de boca necesario para que os distintos colectivos e organizadores destas festas se animen a continuar traballando con ánimo e satisfacción en vindeiras edicións”.

Exit mobile version