No contrato de redacción do proxecto de trazado, adxudicado en abril de 2007, xa se establecía a necesidade dun enlace intermedio no treito Landrove-Celeiro para a conexión do núcleo de Viveiro
Medio Ambiente aposta polo enlace centro de Viveiro, da VAP da Costa Norte, por ser un proxecto máis seguro, ambientalmente máis responsable e mellorar as conexións do núcleo urbano
A Consellería de Medio Ambiente decidiu someter a información pública a comezos do mes de agosto este novo proxecto de trazado do enlace centro a este concello da Mariña lucense
No proxecto actual elimínase o falso túnel de Fontecoba e Chousela, para o que sería necesario realizar desmontes de ata 60 metros de altura e en terreos moi desfavorables, dende o punto de vista xeotécnico
A Consellería de Medio Ambiente considera que mellorará a mobilidade dos habitantes de Viveiro, así como a accesibilidade do núcleo urbano e potenciará o desenvolvemento económico
Santiago, 28 de agosto de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas defende a execución do enlace centro de Viveiro da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte por tres razóns de peso que definen este proxecto viario: é un proxecto máis seguro, ambientalmente tamén é máis responsable e mellora as conexións co núcleo urbano de Viveiro. O departamento que dirixe Hernández tomou esta decisión despois de realizar varios análises, polo que se chegou a unha solución óptima técnica e ambientalmente. Tamén se adoptou por esta solución porque se trata dun proxecto no que se minimizan as afeccións que toda gran infraestruturas leva aparellado.
A solución proposta proxecta un enlace completo cunha glorieta única inferior (ubicada baixo a rasante da VAP) e da que parte un vial transversal de conexión coa estrada Viveiro-Cabreiros (LU-540), que se resolve a través dunha glorieta. Para poder proxectar o enlace no tronco da vía de altas prestacións, resulta ineludible axustar o trazado da mesma nunha lonxitude de 2 quilómetros, ata chegar a zona da Chousela, polo que o trazado aproxímase máis á LU-540.
Coa decisión de levar a cabo este proxecto elimínase o falso túnel de Fontecoba e Chousela, para o que sería necesario realizar desmontes de ata 60 metros de altura e en terreos moi desfavorables, dende o punto de vista xeotécnico. Asemade, o trazado anterior provocaba nesta zona unha forte descompensación de terras, cun elevado excedente de terras e vertedoiro, polo que sen dúbida implicaba un problema loxístico e ambiental de primeira magnitude.
Pola contra, o proxecto actual implica mellores características xeométricas do trazado tanto en planta, como no perfil lonxitudinal e polo tanto conséguese mellores prestacións en comodidade e seguridade par aos usuarios.
Desconxestión do tráfico en Viveiro
Tal e como se recollía no contrato de redacción, este enlace intermedio ou central en Viveiro servirá par acadar os seguintes obxectivos, como captar tráfico para a VAP da Costa Norte e polo tanto rentabilizar o investimento que implica esta nova infraestrutura.
Outra das finalidades é que o subtreito Celeiro-Viveiro Sur (Landrove) funcione como unha auténtica variante de Viveiro, xa que así se poderá desconxestionar de tráfico as travesías de Viveiro e Celeiro, que sofren importantes retencións sobre todo na época estival. A posta en marcha desta actuación mellorará notablemente a calidade de vida dos habitantes destes núcleos urbanos e, ao mesmo tempo, diminuirá a contaminación acústica e atmosférica.
Con esta infraestrutura a Consellería de Medio Ambiente considera que mellorará a mobilidade dos habitantes de Viveiro, así como a accesibilidade do núcleo urbano e potenciará o desenvolvemento económico.
O novo vial, que conta cun orzamento de máis de 27 millóns de euros, ten 2 quilómetros de lonxitude, nos que se construirán dous carrís de 3,5 m. cada un; dúas beiravías de 2,5; dúas bermas de 0,75 metros e dous paseos inferiores, así mesmo, terá 3 viadutos: e 2 glorietas e a velocidade do proxecto será de 100 Km/h.
Con esta construción, beneficiaranse os máis de 20.000 habitantes da comarca de Viveiro e a súa área de influenza. Neste momento, as dúas estradas que verán reducido o seu nivel de tráfico, é dicir, a LU-540 e a LU-862, soportan un total de case 20.000 vehículos ao día, polo que a construción deste vial suporá unha importante redución de paso de vehículos por ditas estradas e polo centro da localidade lucense de Viveiro, o que significa unha mellora da seguridade vial nesta zona.
Antecedentes
O pasado 18 de xullo de 2006, a Administración galega publicaba no Diario Oficial de Galicia a aprobación do trazado para os subtreitos Covas- Viveiro Sur e Viveiro Sur- Celeiro (Variante de Viveiro) e só se contemplaban para o subtreito Viveiro- Sur-Celeiro, de 9 quilómetros de lonxitude sendos enlaces nos estremos dos mesmos: Celeiro e Landrove. Por outro lado, no contrato de redacción do proxecto de trazado e construción se establece que se incluirá un novo enlace intermedio no treito Landrove-Celeiro e conexión co núcleo de Viveiro, así como a información pública deste novo enlace e da conexión de acordo coa Lei de estrada de Galicia. O contrato foi adxudicado o 25 de abril de 2007.
Información pública
Cómpre lembrar que a Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a comezos de agosto a resolución pola que se somete a información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental dun treito da Vía de Alta Capacidade (VAC) do Norte, concretamente, no enlace de Viveiro. O proxecto sométese ao trámite de información pública durante un período de 30 días
Os documentos poderanse consultar na propia Dirección Xeral, no servizo de infraestruturas de Lugo e no concello de Viveiro, o mesmo que na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. (http://www.cmati.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/2199).