Nota de Prensa
Hoxe venres día 20 tivo lugar a presentación do evento lúdico- cultural: “A Lenda do Conde Santo”.
No acto estiveron presentes o alcalde de Lourenzá – D. Vidal Martínez Sierra, o xefe territorial da Conselleria de Cultura e Turismo – D. José Carlos Rodríguez Andina e a Concelleira de Cultura – Dª Guadalupe Flórez.
Seguindo coa idea orixinaria de dar a coñecer a figura do Conde Santo que alcanzou este título por vontade popular, esta terceira edición, a organización quixo facer un maior fincapé nos actos da tarde-noite do vindeiro venres 27 de agosto no marco incomparable dos claustros do Mosteiro San Salvador.
* En torno ás 21,00 horas apertura dos claustros do Mosteiro San Salvador para os asistentes á cea os cales disfrutarán dun tentempé na taberna que se instalará no pozo santo sendo agasallados cun obsequio conmemorativo (neste caso trátase dunha copa de cerámica gravada).
* A partires das 22,00 horas dará comezo a CEA POPULAR inspirada na época do noso fundador, D. Osorio Gutiérrez acompañada de animación de rúa (bufóns, magos, malabares, zancudos e música).
* Ás 24,00 horas terá lugar a RECREACIÓN popular da LENDA – a cargo do grupo de teatro afecionado RAIOLAS, coa narración de Manuel Lourenzo e a participación de actores locais.Esta Actuación estará aberta ao público en xeral
* Unha vez remate a Recreación o punto final será posto cun ESPECTÁCULO DE LUME – QUEIMADA con personaxes que combinarán números de malabares, tragalumes, conxuro da queimada nunha combinación de ritmo, lume e pirotecnia
As tarxetas para participar na Cea de Época cea xa están á venda podendo retirarse nas oficinas do Concello de Lourenzá; o prezo do menú é de 25 euros por persoa e constará de: bola de tapa, caldo de verduras, espetada de carne, sobremesa, café, licores, auga e viño rematando cunha queimada. Aqueles menores que acompañen aos adultos asistentes á cea disporán dun servizo de ludoteca e unha cea infantil de forma gratuita.
Dende a organización animamos aos asistentes a participar da mesma con vestimentas de época, podendo alugarse os traxes nas instalacións da Casa da Xuventude en horario de tarde (16,30 – 19,00 horas) con prezos que oscilan dende os 10 euros para os traxes de nen@ e 20 euros para os traxes de muller e home.
O evento está organizado polo Concello de Lourenzá e patrocinado polo XACOBEO GALICIA 2010 e a XUNTA DE GALICIA.