A Sala de Exposicións ubicada na Casa do Mar, na focega rúa da Ribeira, ofrece, ata finais de agosto, a mostra de cadros do debuxante Xosé Manuel Forés, a quen todos chamamos Juanel. O artista, ribadense afincado en Foz dende hai preto de 40 anos, é un popular e benquerido veciño; a súa dedicación laboral como funcionario de Correos ó longo de tanto tempo, propiciou o contacto próximo coa cidadanía da que ten un bo coñecemento. Amante da natureza, sensible a toda manifestación da arte plástica e mesmo á arquitectura popular do medio rural, así como ós episodios da beiramar que enmarcaron as vivencias da súa crianza, os seus magníficos cadros reflicten todas estas sensibilidades. Discípulo do inesquecible mestre Suso Peña, o seu compatriota, vive con paixón as que son súas preferencias: os seus canciños, a fotografía e o análise e reprodución da figura humana, á que presta especial atención.. Posiblemente en canto deixamos dito se compendie a temática da mostra.Acaso é o retrato humano a faceta na que Juanel destaque de forma mais sobranceira; de aí que das paredes de moitos fogares penduren os retratos de membros entrañables da familia que a experta man e a sensibilidade de Juanel perpetúa na memoria visual dos seus seres queridos E de aí tamén que as súas paisaxes e currunchos urbanos ou rurais sempre rexistren a presenza humana que ennobrece a perspectiva. Unha mostra pública de tal facultade está no retrato que do poeta Manuel María se contempla na subida ó primeiro andar da Casa da Cultura; de él emana fielmente non só unha definida fisionomía senón que tamén transcende a expresión fiel da súa acusada personalidade. Non é a primeira exposición individual de Juanel, membro da asociación Os Aventados, de San Cibrao. Son varias as xa realizadas e moitas as colectivas. A calidade dos seus debuxos fai que sexan moi demandados e moitos os encargos que recibe; de aí que as mostras se espacien no tempo mais do que os amantes desta arte desexarían. A visita á exposición é un gozo para os sentidos e un estímulo para o intelecto.
Juanel