BURELA (FNC) .- O Concello de Burela está a instalar luminarias con tecnoloxía LED en varios puntos da vila. Algunhas xa se poden ver na praza do Concello e as seguintes serán colocadas nas vindeiras horas no parque Rosalía de Castro, segundo ven de anunciar o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor explicou que “estamos aproveitando o plan E do goberno estatal para proceder a cambiar algunhas das farolas do noso concello e as que estamos a colocar teñen tecnoloxía LED. Levan lámpadas de 60 watios, pero que teñen a mesma potencia de luz que as de 150. Pretendemos ir implantando este tipo de luminarias pouco a pouco pola vila, empezamos pola praza do Concello e seguiremos hoxe e mañá polo parque Rosalía de Castro. Deste xeito ganamos tanto en vistosidade coma en rendemento”.
Llano engadiu que “o aforro tanto enerxético coma económico irá notándose pouco a pouco. As farolas que sacamos imos reciclalas e levalas a outro lado aínda que lles instalaremos lámpadas LED para que o aforro sexa efectivo en todas as nosas actuacións”.