ANTONIO VEIGA ASISTIU Á INAUGURACIÓN DA XXVI FEIRA DO BONITO DE BURELA
A festa celébrase na explanada do porto burelao, e está organizada pola Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia
BURELA, 7 de agosto de 2010. O delegado de Cultura da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, asistiu esta tarde á inauguración da XXVI edición da Feira do Bonito de Burela, que se celebrou no porto da vila e na que se repartiron máis de 4.200 racións do produto. A mostra de ecoloxía e artesanía Produart, organizada pola fundación Expomar, celebrouse de xeito simultáneo como ven sendo habitual dende hai 8 anos. O delegado de Cultura afirmou que “a Feira do Bonito ven sendo dende hai moitos anos unha das festas máis importantes da Mariña, e máis agora, que se celebra tamén a mostra artesá e ecolóxica Produart de xeito simultáneo e así, fan de Burela neste día unha das citas ineludibles do verán mariñao”. Á inauguración e posterior degustación do bonito asistiron, ademais de Antonio Veiga, Neves Cando, concelleira de Cultura, Lara Méndez, vicepresidenta da Deputación, e Alfredo Llano, alcalde do concello, entre outras autoridades.
O programa de actividades da feira do Bonito de Burela comezou xa ás 11 desta mañá, cando na explanada do porto se desenvolveron os nomeados terceiros xogos da Costeira: diferentes colectivos do concello participaron en xogos cuxo protagonista principal foi o bonito. Despois da sesión vermú, na que se deron pinchos do produto coas consumicións, recibiuse ás autoridades no barco-museo Reina del Carmen e tralo nomeamento do asador maior e colaboradora de honra da edición e da entrega dos premios aos autores dos dous carteis da festa, Santiago Bolíbar, almirante xefe do arsenal de Ferrol, leu o pregón ás 19:00 horas. A degustación do bonito en empanada, cocido e asado comezou despois, e desenvolveuse ata a noite, que foi amenizada por verbena e discoteca móbil.
A Feira do Bonito de Burela, declarada de interese turístico galego, ven celebrándose dende hai 26 anos e da cita a moitas persoas, tantos veciños burelaos como dos concellos próximos, e turistas de toda Galiza e doutros países. Hoxe en día, son cerca de un cento os voluntarios que colaboran na celebración do evento e milleiros os visitantes que na tardiña se achegan a Burela a degustar o produto estrela da vila en racións de 6 euros. Isto, sumado aos máis de 60 expositores de produtos artesáns e ecolóxicos que Produart instala, fan de Burela unha das opcións máis atractivas para esta fin de semana do agosto mariñao