Site icon Crónica3.com A Mariña

“Eido Dourado” recibiu mil visitas no mes de xullo e consolídase como espazo cultural

BARREIROS (FNC) .- O Eido Dourado recibiu 1.000 visitas durante o pasado mes de xullo, segundo relataba na xornada de hoxe o seu autor, Celso Dourado, que considera que se está a consolidar coma un espazo cultural nun entorno rural.

O artista barreirense destaca “a variedade da procedencia das persoas que pasaron polo Eido. Superamos os mil visitantes entre os que houbo holandeses, alemáns e xente de toda a península ibérica, incluído Portugal. Mantivemos, máis ou menos, as mesmas cifras do ano pasado a pesares de que en xullo pensamos que houbo menos xente pola zona”.

Celso Dourado asegura que “hai pouco, a finais de xullo, recibín unha grata noticia a través dun holandés, que me dixo que o Eido Dourado está incluído nunha guía de viaxes en Holanda coma un punto referencial e a destacar, de aí a presencia de bastantes holandeses. Tamén está figurando en diferentes guías de viaxes vinculadas ao turismo rural, nas que aparece como un punto destacado a visitar. Para min eso supón unha verdadeira alegría”.

Dourado considera que “o Eido estase consolidando como un espazo cultural nun entorno rural. Dalgunha maneira era o que buscaba: unha oferta cultural nun espazo non habitual. Eso supón un grande triunfo pola creación dun espacio novo alternativo, o cal a min persoalmente éncheme de ledicia. Espero aguantar porque a consolidación deste espazo vai levar tempo, pero por agora realmente estou contento”.

Exit mobile version