NOTA DE PRENSA
Os populares non empregarán un asunto tan serio como é a presentación dun expediente de regularción de emprego para “facer política” e asumen a petición de prudencia na que insistiron os representantes dos traballadores cando se trata de abordar públicamente este conflito
BALSEIRO E VILLARES MANTIVERON UNHA REUNIÓN CO COMITÉ DE EMPRESA DA CERÁMICA DE SARGADELOS NA QUE LLE TRANSMITIRON A SÚA TOTAL POSTA A DISPOSICIÓN PARA MEDIAR ANTE A DIRECCIÓN E ANTE AS DISTINTAS ADMINSITRACIÓNS.
* A mensaxe dos dirixentes populares: “Hai poucas empresas que reporten un beneficio social e cultural das características de Sargadelos e de aí que merezan todo o noso apoio”
Cervo, 17 de agosto de 2010.- O parlamentario mariñán, Jose Manuel Balseiro, e o rexedor municipal de Cervo, Alfonso Villares, mantiveron no día de hoxe unha reunión cos membros do Comité de Empresa da compañía Cerámica de Sargadelos. Nela quixeron transmitirlles a todas as traballadoras e traballadores a súa total posta a disposición para realizar cantas labores de mediación estimen oportunas tanto diante da dirección da empresa como ante as distintas administracións, ofrecemento que foi ben acollido polos representantes do cadro de persoal.
Os dirixentes do Partido Popular insistiron en que cando se está a falar dun asunto tan serio como é a presentación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que incorpora a extinción de varios contratos, “non é un ámbito no que teñamos que facer política, entendida como un espazo de confrontación partidista, todo o contrario, debéramos achegar todos, sen excepción, o noso esforzo para desenvolver propostas concretas orientadas a garantir a viabilidade da empresa e a continuidade do maior número posible de postos de traballo”. Balseiro e Villares fan súa a petición de prudencia na que insistiron os representantes dos traballadores sempre que se aborde publicamente este conflito.
A través deste encontro Balseiro e Villares quixeron tamén insistir en que tanto o Partido Popular de Galicia como todas aquelas administración nas que esta formación política ten responsabilidade de Goberno (Concello de Cervo e Xunta de Galicia) traballan decididamente en fórmulas que contribúan a garantir os dereitos laborais do seu cadro de persoal e o mantemento dos postos de traballo actuais. Insisten tamén en que a compañía cerámica transcende do ámbito empresarial “Hai poucas sociedades que reporten un beneficio social e cultural das características de Sargadelos e de aí que merezan todo o noso apoio”.