Nota de Prensa
OS NENOS SAHARAUÍS ACOLLIDOS DURANTE ESTE VERÁN EN CERVO FORON DESPEDIDOS POLAS AUTORIDADES MUNICIPAIS
Nesta breve xuntanza o rexedor local agradeceu o labor das dúas familias de acollida destes tres nenos “porque grazas a elas estes rapaces teñen a posibilidade de integrarse cos nenos de Cervo e ao cabo do verán son xa uns máis do noso concello” sinalou o alcalde.
Durante o acto de despedida os representantes municipais agasallaron aos rapaces con roupa e material deportivo e comprometéronse a seguir colaborando coas familias “para que este tipo de experiencias tan gratificantes non só para os nenos, se non tamén para as persoas que os acollen poda continuar nos vindeiros anos”.
O Concello de Cervo leva participando desde fai varios anos no programa de acollida “Vacacións en Paz”, organizado pola asociación Solidaridade Galega co Pobo Saharauí coa colaboración de diversos concellos de Galicia. Esta iniciativa busca que os pequenos coñezan outra cultura e outro clima, gozando dunhas comodidades que non teñen onde viven.
Este ano o Concello de Cervo destinou 2.070 euros (690 euros por cada neno) a través da súa concellería de Asuntos Sociais na colaboración deste programa . Esta cantidade ten por obxecto sufragar os custes dos billetes de avión (ida e volta), póliza de seguro para cada un dos nenos acollidos; e os gastos dos acompañantes e de xestión.
Estes tres rapaces terán que volver o vindeiro día 1 de setembro aos campamentos de Tinduf, situados no Sahara Occidental en Alxeria, unha zona de contrastes con Galicia. Para algún destes nenos non é a primeira experiencia deste tipo, polo que xa non se sorprenden tanto das diferenzas existentes entre o seu país de orixe e España; pero para os recen chegados este é un mundo que non imaxinaban e no que todos os días descobren algo novo. Pola súa banda, as familias de acollida din sentirse satisfeitas coa experiencia e aseguran que repetirán.