Site icon Crónica3.com A Mariña

Descontento do PP de Burela cos gastos do concello

NOTA DE PRENSA:
O PP: “o bipartito vai gastar outros trinta millóns de pesetas en gastos diversos”.

Os populares afirman que o bigoberno burelés xa leva gastados no que vai de ano cincuenta millóns de pesetas en gastos diversos.

Califican a xestión política da economía municipal de “derroche e despilfarro”.

O Grupo Municipal Popular (GMPP) de Burela, afirmou hoxe que un expediente de suplemento de crédito que se tratará no pleno do vindeiro xoves vai permitir que o bipartito burelés gaste trinta millóns setecentas cincuenta mil das antigas pesetas en gastos diversos, ou sexa, 184.848’87€. Todo esto a maiores do que xa estaba nos presupostos municipais do presente ano.

O montante total do expediente ascende a 292.468’52€, co que quedan para outras actuacións 107.619’65€.

Esto confirma o que xa vén decindo o PP desde hai meses: a política de despilfarro e de descontrol político do gasto é total. Non hai ningún tipo de previsión, gástase por riba das posibilidades reais, porque se gasta máis ca se ingresa, e encima non se gasta en gasto productivo, senón en farándula, fanfarria e parranda. Mentres tanto, as asociacións culturais non teñen subvencións, os clubes con escolas deportivas só cobraron o corenta por cento do que se lles debía da temporada 2009-2010, e así sucesivamente.

Dentro dos concelleiros derrochadores, hainos mui derrochadores, bastante, e regular. Destaca Nieves Cando, con 129.200’00€ ainda que aí están incluidos 16.000’00€ para festas populares e festexos. Séguelle González Legazpi con 20.000’00€. A continuación, Remedios López, con 13.048’57€. Máis modesta é Sonia Fraga, que só se leva 8.600’00€ para gastos diversos, e Lucía Bouza, que leva catro mil euros. Os dez mil euros que quedan, son para gastos diversos dos órganos de goberno

Para demostrar que se despilfarran os cartos, decir que dos 107.619’65€ que quedan para outras actuacións, destínanse a subministros de urbanismo 51.000’00€ e 30.000’00€ a pagar o consumo do alumiado público. Nada de novos proxectos ou de novas obras.

Todo esto tén un responsable: o alcalde. Con tal de manterse no sillón, acepta toda este desastre económico, cando en épocas de crise hai que procurar gastar con xeito, nunca máis do que se ingresa. O alcalde é a máxima autoridade municipal, e debe exercer tal autoridade cortando de raiz tamaño despilfarro. O que pasa é que non tén nin capacidade nin autoridade moral para impoñerse.

Decir que nos presupostos municipais para o presente ano xa había corenta e sete millóns duscentas cincuenta mil pesetas para gastos diversos, exactamente 286.996’00€. E agora, outros trinta millóns setecentas cincuenta mil pesetas. Ou sexa, que estes señores se gastan alegremente setenta e oito millóns millóns de pesetas, é decir, 471.844’87, mui cerca xa dos seiscentos mil euros que se gastaron en gastos diversos en 2009.

Exit mobile version