RIBADEO (FNC) .- Estes días dan comezo as obras de mellora da travesía urbana de Ribadeo. O alcalde asegura que os traballos inícianse polas zonas nas que hai menos afluencia de turistas e engade que despois das patronais continuarán polas avenidas de Galicia e Asturias.
Fernando Suárez explicou que “nestes días están comezando as obras de mellora da travesía urbana de Ribadeo desde a zona da Vilavella ata Vilar. Trátase dun investimento de 1.025.000 euros adxudicado polo pleno hai un tempo e que ata o de agora non puideron dar comezo debido a cuestións administrativas de contratos, fianzas, avales definitivos, etc. Agora no medio do verán debemos empezar as obras sen maior dilación porque unha parte importante deben estar xustificadas, certificadas a finais deste ano 2010, polo tanto é necesario inicialas de xeito inmediato”.
O rexedor manifestou que “somos conscientes de que as obras sempre provocan molestias e que na época estival poden afectar ao turismo, aínda que tamén sabemos que é un bó momento porque non chove e se pode avanzar ben. Pero vendo todo este fráxil equilibrio para que non se descontrole o que decidimos foi empezar por zonas onde a afluencia de turistas non é tan elevada como o treito comprendido entre O Xardín e Os Garitos ata o cuartel e despois das festas patronais empezaremos por Avenida de Galicia, rúa José Vicente Pérez Martínez, Avenida de Asturias, etc. Temos previsto ir facendo pequenos tramos para molestar o menos posible aos usuarios dos comercios, aos residentes…”.
Suárez Barcia pide comprensión “non podo prometer que non haberá molestias porque sí que as haberá e pido tamén que se pense que á volta dun tempo van quedar unhas obras bonitas de cara á fachada principal de Ribadeo. Advertir á poboación en xeral, os veciños de Ribadeo teñen experiencia de obras, saben que algunhas tardan máis ca outras, saben o dito de que para facer tortillas hai que romper ovos, pero o resultado final sempre acaba sendo moi positivo”.