Nota de Prensa
A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN CONTINÚA COAS XESTIÓNS DE CARA A AMPLIAR AS INSTALACIÓNS DO MUSEO DO MAR DE SAN CIBRAO
O PP nunca quixo ampliar as instalacións do Museo do Mar e ocupouse de criar malestar coa propietaria dos terreos anexos que o actual goberno provincial debeu reconducir
Antonio Veiga aclarou que “terá que ser este goberno quen realice a ampliación do museo, xa que o PP nunca a quixo facer e agora fai o posíbel para que outros non a realicemos”
Lugo, 17 de agosto de 2010. A Área de Cultura e Deportes da Deputación volveu manifestar que mantén a intención, e continúa coas xestións necesarias de cara a ampliar as instalacións do Museo do Mar de San Cibrao que, aínda sendo propiedade municipal, xestiona a Deputación despois da súa cesión por parte do Concello de Cervo. Antonio Veiga, deputado responsábel da área, insistiu en que as negociacións coa propietaria dos terreos anexos ao museo seguen abertas e restableceuse a boa relación entre os propietarios dos terreos e os responsables do actual goberno da Deputación. Veiga aproveitou para pedir ao PP “calma e que non traten de boicotear e enturbar estas negociacións xa que abondo o fixeron durante anos, até o punto de que unha das funcións mais dificultosas desta negociación foi limar as asperezas herdadas entre a familia propietaria dos terreos co concello de Cervo e a Deputación, ambas gobernadas polo PP”.
A Deputación estuda unha solución viable para a ampliación do museo ao mar
A Área de Cultura da Deputación que xestiona o Museo do Mar de San Cibrao reiterou hoxe que, para a ampliación do Museo do Mar, existen terreos propios do museo e outros de titularidade privada nos que hai negociacións abertas. O nacionalista Antonio Veiga, manifestou que “a Deputación intentará atopar a fórmula mais viábel nun contexto de crise económica que reduciu a capacidade de investimento de tódalas administracións públicas, tamén da Deputación de Lugo”. Veiga volveu agradecer a boa disposición da familia propietaria dos terreos anexos ao museo para chegar a acordos coa Deputación, moito mais despois da tensa situación herdada do anterior goberno provincial xestionado polo PP.
A Deputación pídelle ao concello de Cervo lealdade institucional e que non asuma o papel da oposición
Antonio Veiga pediulle ao alcalde de Cervo lealdade institucional e manifestou que “é pouco serio que o PP utilice aquelas institucións nas que aínda goberna para facer a oposición que non é capaz de facer a través dos deputados provinciais, algúns deles mariñaos, que cobran da institución provincial para facer esa tarefa de oposición”. Veiga lamentou que “o Partido Popular utilice as institucións en contra dos intereses dos veciños e veciñas da Mariña e tente provocar de novo o malestar dos propietarios dos terreos anexos ao museo do mar para frear o traballo feito, ata o momento, polo goberno da Deputación”.
Por último, dende a Área de Cultura da Deputación pediuse ao PP “calma e menos alarmismo en relación á construción dun edificio na parcela anexa ao museo, cuxa tramitación está parada e foi froito do mal facer por parte do goberno municipal e o anterior goberno provincial, comandados polo PP”. Antonio Veiga acusou ao goberno municipal de Cervo de lanzar “culebróns de verán co ánimo de entorpecer e enturbar o traballo da Deputación”, e pediu tranquilidade e colaboración institucional ao alcalde de Cervo, “xa que todos debemos remar na mesma dirección”. O Deputado nacionalista reprochou ao PP que “agora pretendan que outros fagamos en tres anos o que eles foron incapaces de realizar nas últimas décadas”.