Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS REITEROU NA INAUGURACIÓN DA FEIRA DE ARTESANÍA DA PONTENOVA O COMPROMISO DA XUNTA “CUN SECTOR DE VITAL IMPORTANCIA PARA A ECONOMÍA E A CULTURA GALEGA”
A delegada territorial da Xunta asegurou que esta evento converteuse nun “punto de encontro para todos aqueles que queren coñecer de primeira man os procesos de elaboración dos produtos tradicionais galegos”
Máis de cincuenta expositores conforman esta mostra, que poderá visitarse na explanada dos Fornos ata o vindeiro 29 de agosto
Lugo, 27 de agosto de 2010.- A delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia de Lugo, Raquel Arias, inaugurou hoxe a Feira de Artesanía e Artes Antigas da Pontenova, onde asegurou que o Goberno autonómico está a traballar, fundamentalmente a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, “para que este sector se consolide dentro do conxunto da economía galega e para que o traballo dos artesáns teña o recoñecemento que sen dúbida merece”.
A máxima representante do Executivo galego en Lugo reiterou o compromiso da Xunta “con todos aqueles e aquelas que traballan cada día por sacar o máximo partido das materias primas e recursos naturais que ofrece Galicia” e destacou a importancia desta feira para promover e revitalizar “un sector de vital relevancia para a economía e a cultura galega”.
Neste sentido, Arias gabou o labor de preservación e promoción da nosa cultura que realiza o sector artesán. “Cesteiros, zoqueiros, orfebres, alfareiros e ferreiros –afirmou- comparten a tarefa de poñer en valor a riqueza material e cultural de Galicia e o seu labor non pode, e non debe, pasar inadvertido”.
A delegada territorial valorou positivamente a organización deste tipo de eventos que, nas súas palabras, son “a mellor recompensa posible ao traballo e ao esforzo que están a facer os artesáns galegos para difundir as nosas tradicións” e confiou en que sexan moitos os visitantes que se acheguen ata a localidade durante esta fin de semana para coñecer os traballos dos artesáns e artesás.
A Feira de Artesanía e Artes Antigas do concello pontenovés, que este ano chega á súa cuarta edición, poderá visitarse na explanada dos Fornos ata o vindeiro domingo 29 de agosto. Os preto de medio centenar de expositores que conforman a mostra inclúen, ademais de produtos artesáns propios da comarca e do resto de Galicia, mobles e antigüidades.