Nota de Prensa
Clemente Iglesias liderará a candidatura do Partido Popular en Riotorto
Riotorto, 13 de agosto de 2010.- “Riotorto precisa un cambio e o Partido Popular conta cun candidato idóneo para liderar ese cambio”, asegurou hoxe o presidente dos populares lucenses no acto de presentación do alcaldable popular ás vindeiras eleccións municipais Clemente Iglesias González.
A súa xuventude, “coa frescura, innovación e ímpetu que elo conleva”, xunto cun firme compromiso co seu concello e os seus veciños na “convicción de que as cousas poden mellorarse de xeito notorio”, foron algúns dos valores do “próximo alcalde de Riotorto” salientados por
José Manuel Barreiro.
Clemente Iglesias González (34 anos, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais), quen agradeceu a confianza depositada nel e salientou a “honra que supón para min encabezar esta candidatura”, amouse disposto “a traballar sen descanso” para ilusionar e convencer de que a mellor opción para Riotorto é “sen dúbida” a do Partido Popular.
O candidato popular explicou que “xa iniciou contactos” para conformar a súa lista e adiantou que “son xente traballadora, que goza de simpatía e carisma social”. Asegurou asimesmo que manterá un estreito contacto coa militancia e comprometeuse a escoitar todas as iniciativas e necesidades que plantexen e “a decidir entre todos as xestións a realizar e os procedementos a seguir para acadar eses obxectivos”.
Iglesias tamén estivo respaldado no seu acto de presentación polo secretario xeral dos populares lucenses José Manuel Balseiro e polo voceiro municipal José López Cabodevila, entre outros.