Llano lembra que “mañá sábado celébrase a vixésimo sexta edición da feira do bonito, evento de interés turístico en Galicia. Queremos tamén convidar a todo o mundo a degustar o noso príncipe azul. Vai ser un espectáculo ver como se asa o bonito a partires das dez ou das once da mañá, despois estarán os xogos da costeira e finalmente sesión vermú ás dúas da tarde. O obxectivo desta feira é promocionar este peixe que se pesca por parte dos nosos barcos de forma artesanal, o cal é un valor engadido. O bonito será cociñado e ofrecido de varias formas, o prezo da ración será de 6 euros e inclúe pan e viño”.
O alcalde burelés considera que “é unha ocasión extraordinaria para degustar o bonito, para visitar Burela e Produart, para ver o noso paseo e o barco museo. Merece a pena achegarse a Burela esta fin de semana. Todo o mundo será benvido, agardamos unha grande afluencia de público polas datas nas que nos atopamos. O tempo acompañará e pensamos que merece moito a pena vir a Burela desde hoxe e ata domingo”.