BURELA (FNC) .- Remedios López, a concelleira de Mar en Burela, informa que dende a súa delegación se están a organizar unhas charlas sobre a campaña de observación de medusas que leva a cabo o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, colaborando estreitamente con organismos como SASEMAR e Cruz Vermella de Burela.
A edil socialista invita “a participar na charla informativa que terá lugar o próximo día 5 de agosto ás cinco da tarde no salón de conferencias do Concello de Burela a todos os concellos que dispoñen de areais e polo tanto de servizo de vixianza de praias. Esta charla é especifica para responsables de Protección Civil e do servizo de socorristas, aínda que estará aberta a todo o público en xeral”.
A conferencia correrá a cargo de Ernesto Estévez Castillo, coordinador da campaña de medusas 2010 na zona de actuación Galicia/Asturias. Remedios López sinala que “informará das medidas preventivas, da identificación e do procedemento de actuación ante calquera tipo de avistamento deste tipo de fauna mariña”.