NOTA DE PRENSA
O Presidente socialista da Deputación provincial evidencia un descoñecemento profundo da Mariña e fala con pouca rigorosidade e nula autocrítica
Balseiro “refresca a memoria” a Besteiro lembrándolle que o PSOE nin tan sequera ten definido o treito de competencia estatal do corredor
* Mentres a Xunta co PPdeG ten elaborado un cronograma concreto para o tramo da súa competencia e executa as obras entre Celeiro e San Cibrao, o Goberno central nin tan sequera sabe por onde discorrerá a vía, nin resolveu as alegacións presentadas polos concellos.
A Mariña, 21 de agosto de 2010.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo e deputado mariñán Jose Manuel Balseiro quixo “refrescar a memoria” ao presidente da Deputación provincial de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro, lembrándolle que o PSOE nin tan sequera ten definido o treito de competencia estatal do corredor. Mentres que a Xunta co PPdeG ten elaborado un cronograma con prazos concretos e realistas para o tramo da súa competencia, e está a executar as obras xa entre Celeiro e San Cibrao, (durante catro anos o bipartito foi incapaz de iniciar un só quilómetro) o Goberno central, en mans dos socialistas, nin tan sequera sabe por onde discorrerá a vía. A maior afondamento Balseiro apunta que incluso Fomento aínda non deu resolto as distintas alegacións presentadas polos concellos, pese a que xa pasa dun ano desde que rematou o trámite de exposición pública.
Balseiro atribúe as palabras do dirixente socialista provincial ao “descoñecemento profundo que da Mariña ten este señor”, e lamenta que alguén que ostenta a responsabilidade de Goberno na Deputación provincial poida falar con “tan pouca rigorosidade sobre unha infraestrutura da importancia do corredor”. O secretario xeral dos populares lucenses bota en falta certa “autocrítica” por parte de Gómez Besteiro tendo en conta que o PSOE non só non está a cumprir coa Mariña senón que mantén paralizadas gran parte das actuacións que debería executar nesta comarca, entre as que se atopa o corredor e a autovía do Cantábrico.
PSOE: PROMESAS INCUMPRIDAS
A pesares das continuas promesas do PSOE e do reiterados das informacións que desde Fomento apuntan a retomar o impulso das obras, o certo é que todos os veciños da Mariña poden observar “cos seus propios ollos”, que na Autovía do Cantábrico “non hai unha soa máquina nin operarios traballando”. “Iso por non falar do corredor, que tan só existe nos mapas, e dun xeito virtual, porque mentres o PSOE ostente o Goberno central sempre inventarán escusas para non executalo”